- Fíxoo da man de Aproema, concretamente da súa directora, Sara Domínguez, e no marco do programa job shadowing de Erasmus +, que permite ao persoal docente e non docente de centros educativos ou institucións formativas a viaxar a outro país europeo para observar e aprender do traballo dos seus homólogos
- O grupo valorou moi positivamente as explicacións ofrecidas polos monitores, do mesmo xeito que os recursos didácticos de apoio, especialmente o itinerario virtual 360º e os xogos arcade, á vez que se interesou por outros programas pedagóxicos complementarios promovidos por esta empresa pública
Cerceda, 8 de xuño de 2026.- Da man de Aproema (Asociación Profesional de Empresas Medioambientais), e máis concretamente da súa directora, Sara Domínguez Alonso, docentes dun instituto de formación de persoas adultas de Turquía, visitaron recentemente o Complexo Medioambiental de Sogama en Cerceda para coñecer o sistema de xestión de residuos municipais maioritario en Galicia, que dá cobertura ao 97% dos concellos, así coma os programas de educación ambiental, economía circular e sostibilidade nos que traballa esta empresa pública.
Esta visita enmárcase no programa job shadowing de Erasmus+, que permite ao persoal docente e non docente de centros educativos (infantil, primaria, secundaria, formación profesional e adultos) ou institucións formativas a viaxar a outro país europeo para observar e aprender do traballo dos seus homólogos.
O grupo valorou moi positivamente as explicacións ofrecidas polos monitores de Sogama, do mesmo xeito que os recursos didácticos de apoio, especialmente o itinerario virtual 360º, xa que contribúe a enriquecer a experiencia ao dar a oportunidade, a través das novas tecnoloxías, de coñecer polo miúdo o proceso industrial desenvolvido no Complexo cercedense, podendo ver lugares e recunchos inaccesibles nun percorrido guiado a pé por razóns de seguridade. Os xogos arcade tamén centraron a atención do colectivo, xa que permiten afianzar o aprendido e poñelo a proba dunha forma amena e divertida.
O profesorado turco considerou que o programa de visitas constitúe un magnífico exemplo de transferencia corporativa e unha actividade moi ilustrativa e pedagóxica, xa que posibilita que os cidadáns tomen conciencia da inxente cantidade de residuos que producimos cada día, e a necesidade de reducilos e de separalos correctamente en orixe para propiciar o seu reciclado, así como do despregamento humano, tecnolóxico e económico que debe facerse para tratalos correctamente.
O programa de visitas de Sogama, polo que xa pasaron preto de 90.000 persoas, compleméntase con outras iniciativas a través das cales se pretende chegar a distintos públicos e perfís, adaptando contidos e formatos.
Sobre o job shadowing
Trátase dunha modalidade de Erasmus+ que permite, durante un período de tempo determinado, que o participante acompañe e observe de cercado a un profesional no seu centro de acollida.
Non é un curso tradicional, senón unha aprendizaxe inmersiva que posibilita o intercambio de boas prácticas, é dicir, coñecer metodoloxías de ensino ou xestión innovadoras aplicadas con éxito noutros países; tamén o desenvolvemento profesional a través de melloras nas competencias lingüísticas, dixitais e pedagóxicas; e a creación de redes de contacto, establecendo lazos con institucións europeas para futuros proxectos conxuntos.
Saúdos, Departamento de Comunicación