- Será a primeira de carácter público en España e a súa actividade concíbese como estratéxica, xa que contribuirá a posicionar a Galicia como referente en moda circular
- A instalación, á que se destinou un investimento de 22,4 M€, dará emprego, nunha primeira fase, a entre 16 e 30 persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social
- Re-Viste é o primeiro SCRAP que impulsa a recollida e xestión do téxtil e calzado en España, asumindo a súa organización e financiamento, á vez que promove as cadeas de reciclaxe e as boas prácticas de ecodeseño, conforme á normativa vixente
Cerceda, 12 de maio de 2026.- Representantes de Re-Viste, entre os que se atopaba o seu director xeneral, o galego Juan Ramón Meléndez, mantiveron un encontro, na sede de Sogama en Cerceda, co presidente e a directora xeral, Javier Domínguez e Mirta Sueiro, para actualizar a información e situación das obras da futura planta de clasificación de residuos téxtiles que a empresa pública está a construír no seu Complexo Medioambiental, a primeira de carácter público en España.
Na firme aposta que Galicia está a facer pola moda circular, esta instalación, á que se destinou un investimento de 22,4 M€ - cofinanciada con 12 millóns procedentes de Fondos Europeos-, constituirá todo un fito co que se dará cumprimento aos requisitos recollidos na Lei 7/2022, de residuos e solos contaminados para unha economía circular, que obriga aos entes locais a implantar a recollida de residuos téxtiles a partir do 1 de xaneiro de 2025 e aos fabricantes a empregar nos seus procesos unha determinada porcentaxe de fibras recicladas. Desta forma, preténdese facer fronte á moda rápida de usar e tirar, e as súas negativas consecuencias ambientais, económicas e sociais, ao tempo que se apoia a reutilización e a reciclaxe de calidade a través dunha industria robusta e eficiente.
Dotada con sistemas automáticos de selección e apoiada por Intelixencia Artificial, a planta de Sogama separará aquelas pezas con posibilidades de ser reutilizadas, e, o resto, por fibras e cores para enviar posteriormente aos centros recicladores.
Nunha primeira fase, dará emprego a entre 16 e 30 persoas con discapacidade ou en risco de exclusión, contribuíndo á súa inserción sociolaboral.
E nese obxectivo de impulsar a circularidade do sector téxtil, Re-Viste, en calidade de primeiro Sistema Colectivo de Responsabilidade Ampliada do Produtor (SCRAP) que promove a recollida e xestión do téxtil e calzado en España, cumpre unha función esencial a través da súa organización e financiamento, á vez que potencia as cadeas de reciclaxe e as boas prácticas de ecodeseño, conforme á normativa vixente.
Proba piloto en 6 municipios
Coa pretensión de avaliar a viabilidade e eficiencia do sistema de recollida e xestión de residuos téxtiles, Re-Viste está a levar a cabo un proxecto piloto en 6 municipios a nivel estatal: 2 urbanos (máis de 50.000 habitantes), 2 semiurbanos (entre 5.000 e 50.000 habitantes) e 2 rurais (menos de 5.000 habitantes), entre os que se atopa o Concello pontevedrés de Arbo, contando cunha poboación incorporada de máis de 300.000 habitantes.
Para isto implementará diversas opcións de recollida tales como puntos limpos municipais, contedores na vía pública, tendas voluntarias como puntos de recollida e localizacións privadas, incluíndo parroquias e centros comerciais. Esta proba piloto permitiralles identificar boas prácticas e elaborar unha guía de recomendacións para replicar a operativa de recollida e tratameinto noutros municipios e definir o modelo a nivel nacional.
Saúdos, Departamento de Comunicación