- Segundo a Asociación Steel for Packaging Europe (SfPE), este resultado consolida ao aceiro coma o material de envase comercial máis reciclado en Europa
Cerceda, 27 de maio de 2026.- Segundo os últimos datos difundidos pola Asociación Steel for Packaging Europe (SfPE), a taxa de reciclaxe dos envases de aceiro na Unión Europea alcanzou o 84% en 2024, logrando así un novo máximo histórico, que se traduce en dous puntos porcentuais máis que en 2023.
Os datos foron calculados conforme a metodoloxía harmonizada da UE, que contabiliza os residuos de envases efectivamente reciclados na entrada das operacións de reciclaxe. Segundo a organización sectorial, o resultado consolida ao aceiro como o material de envase comercial máis reciclado en Europa.
O aumento da taxa de reciclaxe prodúcese nun contexto marcado polo impulso das políticas europeas de economía circular e pola entrada en vigor de novos requisitos regulatorios vinculados o Regulamento de Envases e Residuos de Envases (PPWR). Desde SfPE sinalan que os envases de aceiro xa cumpren cos criterios máis esixentes de reciclabilidade establecidos pola normativa comunitaria.
A organización destaca ademais o papel da chatarra de aceiro como recurso estratéxico para a produción de novos produtos siderúrxicos e para a redución do consumo de materias primas virxes. Neste sentido, a reciclaxe de envases de aceiro considérase unha peza relevante dentro das estratexias europeas de eficiencia de recursos e descarbonización industrial.
O informe tamén apunta á necesidade de seguir reforzando as infraestruturas de recollida, clasificación e reciclaxe para manter a evolución positiva das taxas de recuperación. Entre as prioridades do sector figuran a mellora dos sistemas de separación de residuos e o desenvolvemento de procesos técnicos que permitan optimizar a reciclaxe do aceiro postconsumo.
Steel for Packaging Europe subliña igualmente que a lexislación europea sobre envases e reciclaxe continuará a evolucionar nos próximos anos, o que obrigará a adaptar tanto os sistemas de xestión como as cadeas de valor industriais aos novos obxectivos comunitarios de circularidade.
A asociación afirma que seguirá colaborando coas institucións europeas na implementación do marco regulatorio de economía circular nun escenario no que a reciclaxe de materiais metálicos adquire un papel cada vez máis relevante para a competitividade industrial e a redución do impacto ambiental dos envases.
Fonte: Asociación Steel for Packaging Europe (SfPE)