- A través desta iniciativa invítase aos cidadáns de toda Europa a capturar os múltiples xeitos en que a natureza sustenta a vida, responde ás presións e recupérase nun mundo cambiante
- O concurso, aberto a adultos de países membros e cooperantes do EEE, contempla 3 categorías: harmonía, disrupción e renovación
- O prazo para a presentación de candidaturas conclúe o próximo 10 de agosto e os gañadores de cada categoría recibirán un premio en metálico, contemplándose outros adicionais coma o premio do público e o premio xuvenil
Cerceda, 20 de maio de 2026.- Baixo o lema “Resilientes por natureza”, a Axencia Europea de Medio Ambiente (AEMA) acaba de lanzar o concurso fotográfico 2026, a través do cal invita aos cidadáns de toda Europa a capturar os múltiples xeitos en que a natureza sustenta a vida, responde ás presións e recupérase nun mundo cambiante.
O concurso, aberto a adultos de países membros e cooperantes do EEE, invita aos afeccionados á fotografía a explorar a relación especial que temos coa natureza: como se organizan os sistemas naturais e como apoian as nosas sociedades, como as presións climáticas e humanas alteran esta harmonía, e como as persoas atopan formas de restaurar e fortalecer os sistemas dos que todos dependemos.
A edición deste ano contempla tres categorías que pretenden ofrecer unha visión integral da resiliencia da natureza:
1. Harmonía: focalizada nas conexións e os procesos ocultos que manteñen o funcionamento dos ecosistemas: desde a polinización e a migración ata os patróns e interaccións naturais.
2. Disrupción: captura momentos en que os sistemas naturais están baixo presión, incluíndo fenómenos meteorolóxicos extremos, contaminación ou outros impactos humanos.
3. Renovación: destaca a recuperación e a adaptación, mostrando os esforzos de restauración, as solucións baseadas na natureza e as accións comunitarias que axudan aos ecosistemas a recuperar o equilibrio
Prazos
Os interesados poderán enviar ata un máximo de 5 fotos a través do formulario en liña da AEMA, elixindo unha ou máis categorías. O prazo para a presentación das instantáneas conclúe o próximo 10 de agosto e a participación é gratuíta.
As mellores fotografías de cada categoría serán seleccionadas por un comité de preselección composto por expertos en comunicación e medio ambiente designados pola AEMA. Un xurado independente de expertos en comunicación ambiental de toda Europa avaliará as instantáneas finalistas, determinando os gañadores de todos os premios, excepto o do Público. Para este último, as candidaturas finalistas seleccionadas polo comité de preselección estarán abertas a votación pública do 14 ao 27 de setembro de 2026.
A relación de premiados anunciarase o 9 de outubro de 2026.
Premios
Os gañadores de cada categoría recibirán un galardón en metálico (1.000 euros), contemplándose outros adicionais coma o premio do público (500 euros) e o premio xuvenil -para mozos de 18 a 24 anos- (500 euros).
Toda a información en:
https://www.eea.europa.eu/en/newsroom/photocompetitions/resilient_by_nature
Formulario: https://europeanenvironmentagency.wufoo.com/forms/resilient-by-nature
Fonte e imaxe: AEMA