- Segundo un informe desta organización, a reutilización dun só smartphone aforra 14 kg de recursos e 58 kg de emisións de CO₂, mentres que un aumento do 10% na compra de roupa de segunda man, minoraría as emisións nun 3% e o consumo de auga nun 4%
Cerceda, 3 de decembro de 2025.-A principal rede europea de empresas sociais activas na economía circular, RREUSE, publicou un novo informe no que insta aos responsables políticos da UE a adoptar obxectivos vinculantes, ambiciosos e independentes para a reutilización e a preparación para a reutilización. O informe tamén ofrece unha visión xeral completa dos obxectivos existentes e o seu contexto institucional e político nos Estados membros.
A pegada material de Europa creceu rapidamente. En 2022, un residente medio da UE comprou máis de 32 kg de aparellos eléctricos e electrónicos e 19 kg de téxtiles, e xerou case 5 toneladas de residuos.
A reutilización ofrece unha das solucións máis eficaces para minorar os impactos negativos sobre o medio ambiente e o clima. Estímase que a reutilización dun só teléfono intelixente aforra 14 kg de recursos e 58 kg de emisións de CO₂, mentres que un aumento do 10% na compra de roupa de segunda man, diminuiría as emisións nun 3% e o consumo de auga nun 4%.
Malia as claras vantaxes da reutilización, a política da UE aínda non reflicte todo o seu potencial. «Cun marco político máis favorable, a reutilización podería achegar beneficios ambientais moito maiores e crear moitos máis postos de traballo locais inclusivos, fortalecendo as economías e as comunidades locais», comentou Neva Nahtigal, directora de RREUSE, ao que engadiu «É esencial establecer obxectivos de reutilización e preparación para a reutilización separados, vinculantes e cuantitativos para reducir os residuos, recortar as emisións, aliviar a presión sobre os recursos naturais, apoiar a creación de emprego e construír unha economía verdadeiramente circular na que a prevención e a prolongación do ciclo de vida dos produtos sexan unha prioridade».
Aínda que a UE non abordou este problema, varios Estados membros, rexións e cidades xa introduciron obxectivos de reutilización e preparación para a reutilización, e demostraron que estas medidas son desexables e viables.
Mentres os responsables políticos dan forma á Lei de Economía Circular e aos futuros marcos normativos en materia de residuos, RREUSE reclama o desenvolvemento de obxectivos sólidos de reutilización que garantan a protección do medio ambiente, a eficiencia dos recursos e a creación de postos de traballo de calidade en toda Europa.
Fonte: RREUSE
Imaxe: Freepik