- Trátase dunha acción periódica coa que esta empresa pública pretende trasladar aos docentes novidades e recursos que poidan levar á práctica, contribuíndo á súa capacitación, así como á formación e concienciación ambiental do alumnado desde as propias aulas
Cerceda, 2 de febreiro de 2026.- Baixo o título “Pechando o círculo: a educación ambiental para o século XXI”, Sogama aborda a que será a 14ª edición do seu curso en liña, dirixido ao profesorado adscrito á Xunta de Galicia, tanto de infantil como de primaria e secundaria.
Dous titores con ampla bagaxe e experiencia na materia, serán os encargados de guiar e acompañar aos docentes (máis de medio cento) que formalizaron a súa inscrición neste novo itinerario formativo, que pivotará sobre contidos nos que a economía circular, a sostibilidade e os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) cobrarán especial protagonismo.
Cunha duración de 30 horas lectivas, o curso arrinca hoxe e impartirase a través de PLATEGA (Pataforma de Teleformación de Galicia, que é a contorna virtual da Xunta de Galicia concibida para a formación continua do profesorado dos centros non universitarios), e concluirá o próximo 20 de marzo.
Estrutura e avaliación
O curso estrutúrase en 10 módulos temáticos, que abarcarán, entre outras cuestións, a contribución aos ODS desde a escola, a economía circular como novo modelo de produción e consumo, o Pacto Verde Europeo, a xestión sostible dos residuos municipais como ferramenta para a loita contra o cambio climático, a ambientalización do currículo, a figura do educador ambiental 2.0, o sistema Sogama en Galicia (labor, infraestruturas e plan estratéxico 2025-2030) e a formación ambiental promovida desde esta compañía, sen esquecer a achega daqueles recursos didácticos, accións e boas prácticas que poidan ser útiles na contorna escolar.
De forma transversal, proporcionarase aos docentes participantes información sobre os instrumentos de divulgación empregados por Sogama nas campañas de concienciación social, así como noticias, novidades e curiosidades de interese coas que traballar e reforzar os distintos temas.
A avaliación de coñecementos realizarase a través de cuestionarios tipo test, complementados coa entrega dunha actividade práctica de educación ambiental baseada no principio dos tres erres (rreducción, reutilización e reciclaxe).
Con este serán 14 os cursos impartidos por Sogama e dirixidos ao profesorado, figura clave na educación e formación dos adultos do mañá que tomarán importantes decisións no eido ambiental.
Saúdos, Departamento de Comunicación