- Con este plan, Sogama pretende facer un seguimento da rastrexabilidade do residuo desde que entra nas instalacións ata que se converte nun recurso, sendo necesario dispoñer de datos de calidade que axuden ás partes na toma de decisións e aforro de custos
- Os concellos poderán acceder á información do seu interese en tempo real, dispoñendo para isto do denominado Portal do Cliente, que será a canle de comunicación por excelencia con Sogama
- Para que esta operativa se leve á práctica, faise necesario acometer obras en todas as infraestruturas, incluíndo a planta do Morrazo, instalando na mesma os equipos necesarios para captar o dato e compartilo
Cerceda, 14 de abril de 2026.- O presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino, e a presidenta da Mancomunidade do Morrazo, Leticia Santos Paz, subscribiron un convenio de colaboración mediante o cal ambas as entidades comprométense a traballar conxuntamente para que a planta da Portela se integre no Plan de Transformación Dixital activado por Sogama en Galicia (R-Dixital) e do que forman parte a rede de plantas de transferencia distribuídas por toda a comunidade (37), ademais das 4 plantas de biorresiduos, o Complexo Medioambiental de Cerceda e o transporte ferroviario.
Con este plan, Sogama pretende facer un seguimento da rastrexabilidade do residuo desde que entra nas instalacións ata que recibe tratamento e se converte nun recurso, resultando necesario dispoñer de datos veraces e de calidade, xa que axudarán, tanto á compañía como aos concellos, a levar a cabo unha xestión máis sostible e eficiente dos residuos, e a aforrar custos.
Traza e Portal do Cliente
R-Dixital está conformado por dous elementos esenciais, o proxecto Traza e o Portal do Cliente. O primeiro permitirá centralizar os datos, en tempo real, nunha plataforma dixital, reducindo así as tarefas manuais, en moitos casos monótonas e repetitivas, e o erro humano, coa particularidade de que a información poderá ser visualizada en cadros de mando flexibles que melloren a experiencia dos usuarios.
A través do Portal do Cliente, os concellos poderán acceder, ao momento, a calquera dato que precisen (quilos de residuos entregados nun determinado período, cocientes de produción per cápita, achega á reciclaxe da bolsa amarela e, no seu caso, á compostaxe da marrón, crecemento ou redución da bolsa negra, comparativas con outros concellos de similares características, etc), o que lles permitirá adoptar decisións máis axustadas á realidade (por exemplo, dotar de maior eficiencia aos roteiros de recollida de residuos, modificar horarios, establecer loxísticas de transporte máis axustadas ás características dos municipios, etc).
O portal será a canle de comunicación por excelencia entre Sogama e os seus clientes, dispoñendo estes de un servizo de Chat-Bot baseado en Intelixencia artificial (IA) que estará activo as 24 horas do día para consultas que precisen realizar.
Tamén relacionado coa IA, incorporarase a posibilidade de que os entes locais poidan obter proxeccións a futuro da evolución da xeración das tipoloxías de residuos, presentando escenarios probables e facilitando a anticipación aos cambios.
Obras e instalación de equipos
Non obstante, para que toda esta operativa sexa unha realidade, é necesario acometer obras en todas as infraestruturas e instalar os equipos necesarios para captar, tratar e compartir a información.
O acordo formalizado entre a Sociedade Galega do Medio Ambiente e a Mancomunidade está dotado cun importe de 29.645 € (IVE incluído), que se destinará á execución das obras necesarias na planta da Portela, e que asumirán a Mancomunidade e Sogama a partes iguais, facéndose cargo tamén esta última da subministración e instalación dos equipos necesarios.
Saúdos, Departamento de Comunicación