- Esta decisión provocou que as plantas de transferencia de Vigo e O Porriño non puidesen atender as descargas a pasada noite e que hoxe tamén se visen resentidas as do Rosal, Arbo e A Lama
- A compañía reforzou o transporte por estrada con 11 camións-plataforma destinados a trasladar os contedores desde a estación de Guixar ata Cerceda e outros 8 camións con plataforma multilift
- Así mesmo, está en contacto permanente coas empresas de recollida municipal para coordinar o baleirado de camións e ampliará os horarios das plantas
Cerceda, 6 de febreiro de 2026.- Ante a decisión adoptada no día de onte por parte de ADIF e RENFE de interromper a circulación ferroviaria con Vigo, Sogama viuse obrigada a reorganizar o servizo debido ao risco de que as plantas de transferencia do sur da comunidade non poidan ser atendidas.
De feito, nas de Vigo e O Porriño non foi posible atender descargas a pasada noite e esta mesma mañá tamén se resentiron as do Rosal, Arbo e A Lama.
Nunha carta asinada polo Director Xeral de Renfe, e dirixida á empresa contratista de Sogama para o transporte combinado de residuos, argumenta que o corte do servizo, tanto para viaxeiros como para mercadorías, obedece a razóns de seguridade derivadas das actuais condicións meteorolóxicas.
Esta situación implica que Sogama dispoña nestes momentos de 70 contedores paralizados na vía férrea que chega ao seu Complexo Medioambiental de Cerceda, e que terían capacidade para transportar 1.400 toneladas. Neste sentido, cabe destacar que, desde a Terminal de Guixar, Sogama transporta ao redor do 60% dos residuos por tren e o 32% do total do lixo que xestiona en Galicia.
Medidas adoptadas
Cun escenario destas características, e ás portas dunha fin de semana, a Sociedade reforzou o transporte por estrada con 11 camións-plataforma destinados a trasladar os contedores desde a estación de Guixar ata Cerceda e outros 8 camións con plataforma multilift.
Así mesmo, está en contacto permanente coas empresas de recollida municipal para coordinar o baleirado dos camións cando os contedores chegan ás plantas e evitar así retencións e tempos de espera.
Sogama ampliará os horarios das plantas de transferencia da provincia de Pontevedra, que son as máis afectadas, destinando ás mesmas máis medios humanos e materiais a fin de prestar o mellor servizo posible aos concellos nas actuais circunstancias.
A compañía xa puxo en coñecemento dos seus clientes, os entes locais, estas incidencias, á vez que lles pediu colaboración e comprensión ante unha situación sobrevinda allea ás partes.
Saúdos, Departamento de Comunicación