- O Administrador de Infraestruturas Ferroviarias argumenta esta decisión nas condicións meteorolóxicas extremas
- A incidencia xa foi posta en coñecemento dos Concellos, aos que esta empresa pública pediu a súa colaboración e comprensión para abordar un escenario sobrevido que, inevitablemente, ralentizará o ritmo de traballo
Cerceda, 26 de xaneiro de 2026.- Desde esta mesma noite, Sogama decidiu reforzar o transporte de residuos por estrada debido á interrupción, por parte de ADIF, da circulación dos trens de Vigo e Ourense. O Administrador de Infraestruturas Ferroviarias argumenta a súa decisión nas condicións meteorolóxicas extremas que asolan Galicia e outros puntos de España.
Neste sentido, cómpre lembrar que Sogama transporta por tren o 55% dos residuos que xestiona no seu Complexo Medioambiental de Cerceda (A Coruña), polo que a compañía activou o protocolo operativo que rexe para este tipo de situacións a fin de seguir prestando, nas circunstancias actuais, o mellor servizo posible a Concellos e cidadáns.
A incidencia xa foi posta en coñecemento dos entes locais por parte desta empresa pública, aos que pediu a súa colaboración e tamén a súa comprensión ante un escenario sobrevido que, inevitablemente, ralentizará o ritmo de traballo de determinadas plantas de transferencia distribuídas polo conxunto da comunidade galega, así como a saída e chegada ao punto de destino dos seus contedores de residuos, con capacidade para 20 toneladas e homologados para ser transportados por tren e estrada.
Saúdos, Departamento de Comunicación