- Logo da entrega dunha nova partida de composteiros a este Concello, técnicos da empresa impartiron un curso de formación no polideportivo municipal, ao que se sumou o alcalde da localidade, para explicar a operativa e vantaxes da compostaxe doméstica
Cerceda, 2 de febreiro de 2026.- Logo da entrega dunha nova partida de composteiros ao Concello de Dodro (A Coruña), persoal de Sogama desprazouse recentemente a este municipio para impartir unha sesión formativa aos veciños que solicitaran un recipiente destas características para autoxestionar a materia orgánica producida nas súas vivendas.
A pretensión desta iniciativa, que o ente local impulsa desde hai anos, é poñer en valor os restos orgánicos mediante a súa transformación en compost, recuperando desta forma unha práctica tradicional no rural galego, e reducir a cantidade de residuos depositados no contedor xenérico, que son tratados por Sogama nas súas instalacións. Con isto, o Concello non só alcanzará importantes beneficios ambientais, toda vez que os participantes recuperan en orixe en torno ao 40% da composición media dunha bolsa de lixo tipo, que está conformada por orgánicos, senón que pode chegar a aforrar custos, diminuíndo o importe da factura que debe pagar á empresa pública pola súa xestión.
Co obxectivo de que os usuarios elaboren un abono natural de alta calidade que cumpra os requisitos esixidos pola normativa vixente para ser aplicado na agricultura e xardinería, o curso de Sogama, que se celebrou no polideportivo municipal, e no que tamén estivo presente o alcalde da localidade, Francisco Xabier Castro Tourís, non só se orientou a proporcionar información e reforzar os coñecementos dos asistentes, senón tamén a resolver as súas dúbidas sobre a compostaxe doméstica e a recollida selectiva dos distintos residuos, esencial para propiciar o posterior reciclado dos mesmos.
Ademais do composteiro, os veciños foron obsequiados cun cubo específico para a materia orgánica e un manual didáctico no que se describe a técnica a seguir: desde a propia localización do composteiro ata os materiais que poden ser depositados no mesmo, os labores de vixilancia e control do proceso, e a aplicación do compost resultante.
Saúdos, Departamento de Comunicación