- Isto implica que menos dunha décima parte dos materiais utilizados na economía volven ao sistema produtivo logo do seu uso
- A este dato súmase unha alta dependencia de materiais importados, que alcanza o 39,8 %, e un estancamento da reciclaxe de residuos municipais, cunha taxa do 41 %
- Así se recolle no Informe anual 2025 do Observatorio da Economía Circular, elaborado pola Fundación Fórum Ambiental, que alerta sobre a baixa circularidade do modelo produtivo español
Cerceda, 22 de xaneiro de 2026.- Segundo o Informe anual 2025 do Observatorio da Economía Circular, elaborado pola Fundación Fórum Ambiental, a economía circular en España rexistrou avances relevantes en ámbitos como a eficiencia no uso dos recursos, o despregamento de enerxías renovables e a ecoinnovación, pero o seu desenvolvemento continúa a ser insuficiente para enfrontar os retos económicos e ambientais actuais.
O informe sitúa a taxa de circularidade en España no 8,5 %, o que implica que menos dunha décima parte dos materiais utilizados na economía volven ao sistema produtivo logo do seu uso. A este dato súmase unha alta dependencia de materiais importados, que alcanza o 39,8 %, e un estancamento da reciclaxe de residuos municipais, cunha taxa do 41 %.
Ademais, o peso das actividades vinculadas á economía circular continúa a ser reducido, xa que representan só o 1,6 % do valor engadido bruto, o que pon de manifesto as limitacións estruturais do actual modelo económico.
Sinais positivos en enerxía e ecoinnovación
Xunto a estes desafíos, o informe tamén identifica tendencias positivas. Máis do 50 % da electricidade xerada en España xa ten orixe renovable e as emisións de gases de efecto invernadoiro diminuíron un 12,6 % respecto de 1990. Así mesmo, obsérvase un crecemento sostido da ecoinnovación e da transparencia climática empresarial, con miles de organizacións que xa calculan e reportan a súa pegada ambiental.
Pero estes avances, aínda que relevantes, non compensan o lento progreso nos indicadores clave de circularidade material.
Economía circular e competitividade
Desde a Fundación Fórum Ambiental sublíñase que a economía circular non debe entenderse unicamente como unha cuestión ambiental. Segundo o informe, trátase dun factor estratéxico de competitividade, resiliencia económica e redución de vulnerabilidades, especialmente nun contexto marcado pola presión sobre os recursos, a volatilidade dos mercados e a transición enerxética.
Neste sentido, Leandro Barquín, director da Fundación Fórum Ambiental, destaca que dispoñer de datos claros, comparables e ben interpretados é esencial para orientar tanto as políticas públicas como as decisións empresariais. Ao seu xuízo, o reto actual non é só medir, senón acelerar o cambio de modelo a partir da evidencia dispoñible.
O Informe anual 2025 do Observatorio da Economía Circular concíbese como unha ferramenta de referencia para administracións públicas, empresas, consultoras, investigadores e medios especializados. A publicación sintetiza e ordena a información procedente dos seis boletíns sectoriais difundidos ao longo do ano co obxectivo de identificar tendencias e achegar contexto interpretativo aos principais indicadores.
A publicación completa, xunto cunha infografía interactiva dos datos crave, está dispoñible para a súa descarga gratuíta na web da fundación.
Saúdos, Departamento de Comunicación