- A empresa pública entregou ao Concello un total de 280 composteiros, que foron repartidos entre outras tantas vivendas con terreo a fin de que poidan elaborar o seu propio compost, pechando in situ o ciclo de recuperación da materia orgánica
Cerceda, 19 de decembro de 2025.- Técnicos de Sogama desprazáronse recentemente ao municipio coruñés de Cedeira para formar en autocompostaxe aos veciños recentemente incorporados ao programa local de autogxstión da materia orgánica.
A día de hoxe, 280 familias cedeirenses que habitan en vivendas con terreo (xardín, horta ou terras de cultivo) xa están a converter en compost os restos orgánicos xerados no fogar, dispoñendo para tal fin dun composteiro proporcionado por Sogama que dota de maior eficiencia ao proceso, ademais de facelo máis cómodo e hixiénico.
Co seu labor, contribúen a alcanzar importantes beneficios ambientais, económicos e sociais, xa que, ao tratar a materia orgánica in situ, evitan o seu depósito nos contedores da rúa, podendo diminuír a frecuencia de recollida dos mesmos e, polo tanto, a entrega de refugallos en planta industrial para o seu posterior tratamento. Esta circunstancia resulta especialmente significativa no caso da fracción orgánica, que representa en torno ao 40% da composición media dunha bolsa de lixo tipo.
Ademais de todo isto, recupérase unha práctica tradicional no rural galego, como é a separación desta tipoloxía de refugallos para alimento de animais domésticos ou ben para a elaboración de abono.
Durante a formación, explicouse aos asistentes os pasos a seguir para obter un compost de calidade: desde a propia localización do composteiro ata a relación de materiais que deben -e non deben- introducirse no mesmo, así como a necesidade de que a mestura garde un equilibrio entre fracción seca e húmida, recomendándose ao usuario o control de parámetros que influirán de forma significativa no resultado final, como son o osíxeno, a temperatura e a humidade.
Saúdos, Departamento de Comunicación