- Un borrador de acto de execución introduce novidades relevantes para o sector da reciclaxe, entre elas unha definición harmonizada de “plástico reciclado”
- O texto provisional prevé que, ata o 21 de novembro de 2027, só se poidan contabilizar reciclados producidos na UE e procedentes de residuos posconsumo. A partir desa data, permitiríase o uso de reciclados orixinarios de países da OCDE e fóra da mesma, sempre e cando cumpran os requisitos establecidos
Cerceda, 26 de xaneiro de 2026.- A Comisión Europea presentou un borrador de acto de execución destinado a concretar como debe calcularse o contido obrigatorio de plástico reciclado no marco da Directiva de plásticos dun só uso. O texto introduce novidades relevantes para o sector da reciclaxe, entre elas unha definición harmonizada de “plástico reciclado” e a incorporación de requisitos temporais de orixe europea para os materiais reciclados que poderán contabilizarse nos obxectivos legais.
O proxecto normativo, remitido aos Estados membros a finais do pasado mes de decembro para a súa validación, establece as regras que determinarán que reciclados poden computar nas cotas obrigatorias de contido reciclado en botellas de bebidas. Este aspecto é considerado clave pola industria, xa que condiciona directamente a demanda de materiais reciclados no mercado europeo. Un borrador anterior, datado en xullo de 2025, contemplaba a posibilidade de admitir reciclados procedentes de calquera país.
Condicionantes e esixencias
Entre os elementos incluídos no novo texto figura un sistema de balance de masas para contabilizar os plásticos recuperados mediante reciclaxe química, así como a esixencia de que as reciclaxes procedan de residuos posconsumo. Ademais, introdúcense disposicións temporais que restrinxen o cómputo de reciclados aos producidos dentro da Unión Europea.
En concreto, o borrador prevé que, ata o 21 de novembro de 2027, só se poidan contabilizar reciclados producidos na UE e procedentes de residuos posconsumo. A partir desa data, permitiríase o uso de reciclados orixinarias de países da OCDE, sempre que procedan tamén de residuos posconsumo e que unha avaliación conforme ao regulamento de traslados de residuos confirme o cumprimento de estándares de xestión ambiental adecuados.
Para os reciclados procedentes de países terceiros fóra da OCDE, o texto contempla condicións máis estritas. O seu cómputo quedaría supeditado á existencia de acordos vinculantes que garantan que a reciclaxe se realiza a partir de residuos posconsumo, que se aplican estándares ambientais e sanitarios equivalentes aos da normativa europea e que o país de orixe dispón dun marco integral de xestión de residuos, incluídos sistemas de responsabilidade ampliada do produtor e obxectivos de reciclaxe. Estes mecanismos de salvagarda, recollidos na nova normativa europea sobre envases, deberán desenvolverse antes de finais de 2026.
Desde organizacións do sector da reciclaxe, como a alemá BDE, sinálase que estas medidas chegan nun contexto de presión económica para os recicladores europeos, derivada da competencia de materiais virxes baratos e de importacións de reciclados a baixo custo, cuxa rastrexabilidade e calidade é obxecto de debate. Neste escenario, algunhas organizacións consideran que o período transitorio ata 2027 pode ofrecer marxe para reforzar o mercado interno da reciclaxe e desenvolver criterios claros e comparables para os materiais procedentes de terceiros países.
O acto de execución proposto será determinante para a aplicación práctica dos obxectivos de contido reciclado na UE e para a evolución do sector da reciclaxe de plásticos nos próximos anos.
Fonte: Residuos Profesional