- Técnicos da empresa pública impartiron en días pasados, na Casa da Cultura municipal, unha sesión formativa presencial a fin de explicar aos asistentes a operativa a seguir e resolver as súas dúbidas
Cerceda, 24 de marzo de 2026.-Logo da ampliación do programa de compostaxe doméstica no Concello coruñés de Coristanco, veciños desta localidade interesáronse en aprender e interiorizar a técnica, conscientes dos seus beneficios ambientais e de que, en realidade, coa mesma preténdese recuperar unha práctica tradicional no rural galego, como é a segregación da materia orgánica para alimento de animais domésticos e/o elaboración de abono, pero dun modo máis cómodo, hixiénico e eficiente.
Para isto, técnicos de Sogama, a petición do ente local, impartiron en días pasados un curso presencial, que se celebrou na Casa da Cultura, co obxectivo de explicar as claves e os pasos a seguir para que o resultado fose frutífero.
A día de hoxe, Coristanco conta con 350 composteiros en funcionamento, subministrados por Sogama, que xa están a utilizar outras tantas familias que residen en vivendas con terreo, posibilitando así que o compost obtido regrese de novo á terra como emenda orgánica para propiciar unha nova vida, conforme aos principios da economía circular.
Durante a sesión formativa explicouse aos asistentes, de forma detallada, todos os ingredientes do proceso: desde a propia localización do composteiro, que debe estar en contacto directo coa terra, ata os materiais a introducir no mesmo e, sobre todo, como levar a cabo o control da operativa, resultando necesario facer un seguimento de parámetros tales como o osíxeno, a temperatura e a humidade.
Como evitar o exceso de mosquitos ou a presenza de roedores foron, entre outras, algunhas das preguntas formuladas polos alí presentes.
Saúdos, Departamento de Comunicación