- Con estas incorporacións increméntase en case un 3% a rede de recollida selectiva, dotada actualmente de 50.000 contedores no conxunto da Comunidade
- A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático entregou hoxe en Brión os 155 colectores azuis e 22 amarelos que lle corresponden aos concellos do Barbanza
- Ángeles Vázquez salienta que esta medida forma parte dun plan para o impulso da separación de envases no que colaboran Xunta e Ecoembes e axuda a avanzar cara a un modelo máis eficiente e circular xa que facilita á cidadanía a reciclaxe de residuos
- Pon o concello de Brión como exemplo deste compromiso tras lembrar a recente adhesión da Mancomunidade Serra do Barbanza ao modelo Sogama e aos Scraps
Brión (A Coruña), 23 de marzo de 2026.- Galicia dá un paso máis para seguir avanzando na reciclaxe de envases lixeiros e de papel-cartón coa incorporación de 1.450 novos contedores en 75 concellos. A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, participou hoxe en Brión no acto organizado entre o seu departamento e Ecoembes para darlle visibilidade a este reforzo da rede actual de recollida, composta por un total de 50.000 contedores azuis e amarelos repartidos pola Comunidade e que se incrementan agora en case un 3%.
En concreto, incorporaranse á rede autonómica 1.100 unidades destinadas ao depósito de envases de plástico, latas e briks (contedores amarelos) e 350 para papel/cartón (contedores azuis), o que supón unha inversión de preto de 700.000 euros.
Acompañada pola delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, alcaldes e representantes municipais da comarca e responsables de zona de Ecoembes —organización que impulsa en España a reciclaxe de envases—, a responsable autonómica enmarcou esta medida nun plan máis completo para o impulso da separación deste tipo de refugallos no que colaboran desde hai anos ambas institucións co obxectivo de avanzar cara a un modelo máis eficiente e circular que facilite á cidadanía a reciclaxe.
A pesar de que a xestión dos residuos urbanos é unha competencia municipal, Ángeles Vázquez incidiu en que a Xunta nunca deixará de tender a man aos concellos para cumprir os retos de recollida separada que marca a normativa vixente, impulsando ao mesmo tempo a mellora continua do sistema en Galicia de cara a facelo aínda máis sostible. De feito, considerou que reforzar o número de contedores amarelos e azuis en aproximadamente a cuarta parte dos municipios galegos contribúe de forma especial a este obxectivo xa que garante un acceso máis próximo e sinxelo aos puntos de recollida.
Neste sentido, a conselleira destacou o caso concreto de Brión, municipio pertencente á Mancomunidade Serra do Barbanza, que recibiu hoxe 155 contedores de envases lixeiros con capacidade para 800 litros e 22 contedores de papel-cartón de 3.000 litros e que, como recordou, se adheriu recentemente ao modelo Sogama, un exemplo do seu desexo de avanzar cara a un sistema de xestión de residuos máis moderno, eficiente e aliñado cos obxectivos da economía circular e da normativa de envases.
Novo convenio Xunta-Ecoembes ata 2030
Cómpre lembrar que o pasado mes de xaneiro a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e Ecoembes asinaron un novo convenio de colaboración—o cuarto que e subscribe a Xunta cos sistemas colectivos de responsabilidade ampliada do produtor (Scrap) desde o ano pasado— con vixencia ata 2030 e co que se prevé destinar arredor de 57 millóns de euros aos concellos galegos pola súa cooperación na recollida e xestión dos residuos de envases lixeiros e de papel-cartón.
A responsable autonómica recordou hoxe que o acordo supón un incremento medio do 26% nas retribucións que reciben as entidades locais galegas pola xestión dos envases lixeiros e de papel-cartón, o que reforza a alianza entre as partes implicadas na xestión destes refugallos e aposta pola equidade territorial ao ter en conta a dispersión xeográfica, a dificultade loxística engadida en determinadas zonas, como no rural, e a variabilidade estacional da poboación nalgúns municipios.
De feito, as cantidades que se prevé aboar aumentan especialmente no caso dos concellos rurais co fin de compensar os maiores custos loxísticos e operativos asociados á propia realidade territorial, tal e como destacou Ángeles Vázquez.
Fonte e imaxe: Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático