- A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático visitou con varios alcaldes as instalacións da empresa pública
- Ángeles Vázquez cualifica como histórica a incorporación dos nove concellos da Mancomunidade Serra do Barbanza ao sistema da empresa pública pois permitirá que os refugallos da súa veciñanza sexan xestionados de xeito sostible, solvente e con todas as garantías, en liña co que establece a normativa vixente
- Sogama xestiona xa os residuos domésticos de 304 dos 313 municipios galegos, ofrecendo un servizo da máxima calidade aos seus máis de 2,3 millóns de habitantes
- O Executivo galego avanza así no seu apoio continuo ás entidades locais no exercicio das súas competencias sobre a xestión dos residuos, un esforzo que nos últimos anos supuxo un investimento de máis de 100 millóns de euros
Cerceda, 5 de febreiro de 2026.- A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, acompañou hoxe a varios alcaldes dos concellos que se adheriron este ano ao modelo de xestión de residuos da Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama) na súa visita ao complexo ambiental de Cerceda para mostrarlles a eficiencia e os distintos procesos desenvolvidos nas instalacións.
A responsable autonómica cualificou de histórica a incorporación ao sistema de Sogama dos nove concellos que antes trataban os seus refugallos a través da Mancomunidade Serra do Barbanza -Ames, Brión, Carnota, Lousame, Muros, Noia, Pontecesures, Porto do Son e Roi- pois permitirá que os residuos da súa veciñanza sexan xestionados de xeito sostible, solvente e con todas as garantías, en liña co que establece a normativa vixente.
Ángeles Vázquez, que estivo acompañada pola directora xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, María José Echevarría, e polo presidente de Sogama, Javier Domínguez, subliñou que con estas adhesións a empresa pública dependente da Xunta xa xestiona os residuos domésticos de 304 dos 313 concellos galegos, ofrecendo un servizo da máxima calidade aos seus máis de 2,3 millóns de habitantes.
A conselleira puxo en valor que a cidadanía deses nove concellos vai percibir un salto cualitativo ao incorporarse a un sistema máis sostible e respectuoso co medio ambiente. Neste sentido, lembrou que a Mancomunidade Serra do Barbanza contaba cun sistema menos eficiente que obrigaba a enviar a vertedoiro practicamente todos os residuos que recibía, ao que se engadía que o vertedoiro que tiña en Lousame estaba cheo, o que obrigaba a transportar todos os refugallos a outro percorrendo 200 quilómetros de cada vez, cos correspondentes prexuízos económicos e ambientais.
Nesta liña, a responsable autonómica salientou que Galicia aposta por un sistema de xestión dos residuos sostible, que garanta o equilibrio entre a dimensión ambiental, a social e a económica, e defendeu o modelo de Sogama como o mellor posible, referente a nivel estatal e en constante actualización e mellora. Por iso, engadiu, trátase dun modelo de presente e de futuro.
Esforzo investidor
Ángeles Vázquez subliñou que, malia que a xestión dos residuos é unha competencia municipal, a Xunta ofrece todo o seu apoio e colaboración aos concellos na xestión dos residuos. Neste sentido, o Executivo galego mobilizou nos últimos anos investimentos por importe de 103 millóns de euros co obxectivo común de axudar ás entidades locais galegas neste eido, un esforzo co que contribuíu tamén a paliar o impacto nas arcas municipais das decisións adoptadas nos últimos meses polo Goberno central.
Ante os desafíos que afronta Galicia en materia de xestión de residuos, a Xunta ten intensificado desde 2022 o seu apoio técnico e económico aos concellos neste eido. Así, cómpre destacar o impulso e posta en marcha dunha completa Rede pública de infraestruturas para a xestión dos biorresiduos, con 13 plantas de transferencia e 4 de compostaxe nas que se investiron 45 millóns de euros e que xa está plenamente operativa desde o pasado verán, garantindo que os 304 concellos adheridos ao modelo Sogama teñan algunha destas instalacións a menos de 50 quilómetros de distancia.
Fonte e imaxe: Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático