SOGAMA en Facebook
SOGAMA en Instagram
SOGAMA en Twitter
SOGAMA en Vimeo
SOGAMA en Linkedin
SOGAMA

Idiomas

O Concello de Arbo leva a autocompostaxe a preto de 200 vivendas unifamiliares

Print this pagePrint this pagePrint this page
  • No que vai de ano, Sogama subministrou ao ente local 100 composteiros, con capacidade para 400 litros, que se suman a partidas anteriores.
  • A compostaxe doméstica reporta grandes beneficios aos concellos, xa que, ao reciclar en orixe a materia orgánica, evítase o seu depósito no contedor convencional, propiciando o aforro de emisións de CO2 derivadas da recollida e transporte, así como de custos de xestión.
  • A  autoxestión dos refugallos orgánicos en orixe será complementada no seu momento coa recollida separada da fracción orgánica a través do quinto contedor, de cor marrón.

Cerceda, a 14 de setembro de 2021.- Preto de 200 vivendas unifamiliares de Arbo xa están a participar no programa de compostaxe doméstica promovido polo Concello en colaboración con Sogama.

No que vai de ano, a empresa pública subministrou ao ente local un total de 100 composteiros, con capacidade para 400 litros, a fin de que as familias que, con carácter voluntario, se tiveran incorporado a esta iniciativa, poidan elaborar o seu propio abono a partir da materia orgánica, pero dunha forma máis hixiénica, cómoda e eficiente.

Dado que a fracción orgánica representa o 42% da composición media dunha bolsa de lixo tipo, se esta se recicla en orixe, evítase o seu depósito no contedor verde convencional. Isto tradúcese en menor frecuencia de recollida e transporte por parte dos servizos municipais e, polo tanto, en menores emisións de CO2, e tamén nunha diminución de custos ao minguar a cantidade de residuos que deben recibir tratamento finalista.

Con cada composteiro, os usuarios reciben un manual didáctico no que se describe de forma detallada a técnica a aplicar e dáse resposta ás preguntas e dúbidas máis frecuentes. Con todo, a información pode complementarse a través do sitio web www.compostaconsogama.gal.

O obxectivo último é proporcionar os medios para que os veciños incorporados a esta iniciativa poidan obter un compost de alta calidade que cumpra con todos os requisitos contemplados na lexislación vixente e o apliquen ao solo como abono natural, substituíndo aos fertilizantes artificiais.

A autoxestión dos refugallos orgánicos complementarase no seu día coa recollida selectiva da fracción orgánica contida nos residuos domésticos a través do quinto contedor, de cor marrón, para a súa posterior transformación en compost na planta de biorresiduos máis próxima. Trátase de poñer en valor a materia orgánica a través da súa reciclaxe, minimizando desta forma a cantidade de lixo a depositar no contedor convencional.

Os concellos dispoñen de prazo ata o 31 de decembro de 2023 para implantar a recollida separada da materia orgánica e dar así debido cumprimento aos obxectivos europeos.

Saúdos, Departamento de Comunicación

14 Set 2021

Galería