- O presidente da Sociedade Galega do Medio Ambiente compareceu na Comisión 2ª de Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos do Parlamento
- Javier Domínguez lembra que a empresa pública dá servizo xa ao 97% dos municipios galegos e ao 85% da poboación da comunidade
- Salienta a ampliación do Complexo Medioambiental de Cerceda executada en 2018, que permitiu que practicamente duplicase a súa capacidade e puidese xestionar os residuos da totalidade de concellos galegos en caso de que fose necesario
- O Executivo galego investiu entre 2015 e 2025 máis de 118 millóns de euros na mellora das distintas infraestruturas dependentes de Sogama para gañar eficiencia e eficacia en beneficio do conxunto da cidadanía
Santiago de Compostela, 12 de marzo de 2026.-O presidente da Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama), Javier Domínguez, compareceu esta tarde na Comisión 2ª de Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos do Parlamento de Galicia, onde salientou que a recente adhesión dos concellos da Mancomunidade do Barbanza ao modelo de xestión de residuos da Xunta constata a fortaleza dun sistema eficiente e preparado para afrontar os retos de futuro neste eido.
O responsable da empresa pública lembrou que coa incorporación desde o pasado 1 de xaneiro dos nove concellos pertencentes a esta entidade mancomunada -Lousame, Ames, Pontecesures, Rois, Muros, Brión, Porto do Son, Carnota e Noia- a Sogama, as instalacións de Cerceda dan servizo a 304 dos 313 concellos galegos, o 97% do total, e a 2,3 millóns de habitantes, o 85% da poboación da comunidade.
Javier Domínguez incidiu en que o modelo de xestión de residuos de orixe doméstica promovido polo Executivo galego demostrou o seu vigor e a capacidade de anticipación aos desafíos do futuro. Neste sentido, puxo en valor que o nacemento de Sogama foi froito dun profundo estudo realizado por un prestixioso grupo de expertos no que se tiveron en conta as características xeográficas, orográficas, de poboación e mesmo culturais de Galicia.
O resultado, engadiu, foi a creación dun sistema inspirado nos modelos máis avanzados e comprometidos co medio ambiente dos países europeos, que permitiu a clausura e selado de numerosos vertedoiros municipais existentes na década dos 90 e a rexeneración dos espazos degradados para utilizalos como parques e zonas de lecer.
O presidente de Sogama destacou tamén que a fórmula ideada pola Xunta apostou polo investimento constante e a introdución de melloras continuas para optimizar o servizo. Neste contexto enmarcou a ampliación do Complexo Medioambiental de Cerceda en 2018, que permitiu elevar a capacidade de xestión de residuos desde as 550.000 toneladas ao ano a máis dun millón de toneladas, co que podería atender á totalidade dos concellos de Galicia se fose necesario.
De feito, lembrou que o Executivo galego investiu entre 2015 e 2025 máis de 118 millóns de euros en distintas melloras industriais de calado, apostando especialmente pola innovación e a xestión de novas fraccións, como os biorresiduos. Esas actuacións permitíronlle gañar en eficiencia e eficacia, optimizando a prestación dun servizo público que ofrece seguridade e garantías ao conxunto da cidadanía.
Este modelo punteiro, concluíu Javier Domínguez, está agora a disposición dos máis de 87.000 habitantes dos concellos da Mancomunidade do Barbanza, que van comprobar como o lixo se pode xestionar de forma sostible e respectuosa co medio ambiente.
Fonte: Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático