- Desde 1995, triplícase o volume de residuos tratados mediante reciclaxe e compostaxe, e duplícase a valorización enerxética
- Eurostat atribúe esta evolución, en gran medida, ao impacto da lexislación europea, especialmente as directivas sobre envases e vertedoiros, que impulsaron a recollida separada e limitaron a vertedura de residuos biodegradables
Cerceda, 31 de marzo de 2026.- Segundo datos de Eurostat, a cantidade de residuos municipais xerados por persoa na UE en 2024 ascendeu a 517 kg, o que representa un 1,17% máis que en 2023 (511 kg), e se a comparativa se fai con respecto ao ano 2014, o incremento é do 8%.
Non obstante, hai diferenzas significativas entre países. Mentres que Austria (782 kg por persoa, datos de 2023), Dinamarca (755 kg) e Bélxica (699 kg) rexistraron os niveis máis altos de produción de residuos municipais por habitante, Romanía (305 kg, datos de 2023), Estonia (375 kg) e Polonia (387 kg), rexistraron os máis baixos.
Tomando como referencia 2014, a cantidade de residuos municipais por habitante aumentou en 20 países da UE, sendo máis significativos os casos de Bélxica (+274 kg), Chequia (+228 kg) e Austria (+217 kg). Pola contra, as maiores reducións observáronse nos Países Baixos (-54 kg), Dinamarca (-53 kg) e Finlandia (-25 kg).
Reciclaxe e valorización enerxética en aumento, e menos vertido
A reciclaxe na UE situouse nunha media de 248 kg de residuos municipais por persoa en 2024. Isto significa que se reciclou o 48,1% do total de residuos xerados, moi similar ao 48% de 2023 (246 kg por persoa) e unha mellora máis significativa en comparanza co 43% en 2014 (208 kg por persoa).
Malia este avance, os datos recompilados baixo o marco legal da Directiva Marco de Residuos, que emprega criterios máis estritos e harmonizados, mostran que a taxa media de preparación para a reutilización e reciclaxe situouse no 43,3% en 2023, aínda por baixo dos obxectivos comunitarios a medio prazo.
A análise de Eurostat confirma un cambio estrutural na xestión de residuos municipais en Europa desde 1995. Nese período, a vertedura reduciuse un 59%, pasando de 121 millóns de toneladas a 50 millóns en 2024, é dicir, caendo do 61% ao 24% do total xerado.
Pola súa banda, o volume de residuos sometidos a reciclaxe e compostaxe triplicáronse desde 1995, alcanzando os 111 millóns de toneladas en 2024, á vez que aumentou a valorización enerxética, que se duplicou.
Eurostat atribúe esta evolución, en gran medida, ao impacto da lexislación europea, especialmente ás directivas sobre envases e vertedoiros, que impulsaron a recollida separada e limitaron progresivamente a vertedura de residuos biodegradables.
Avances desiguais
Respecto do cumprimento dos obxectivos europeos de reciclaxe, os datos máis recentes reflicten avances desiguais. Baixo a metodoloxía harmonizada, oito Estados membro xa alcanzaron en 2023 o obxectivo do 50% fixado para 2020, e tres deles superaron mesmo o obxectivo do 55% previsto para 2025.
No extremo oposto, cinco países rexistraron taxas inferiores ao 20%, o que evidencia a persistencia de brechas estruturais nos sistemas de xestión de residuos dentro da UE.
Fuente e imaxe: Eurostat