
- Foi dotada cunha tolva específica para o transvasamento da materia orgánica recollida de forma diferenciada a través do contedor marrón, polo que, unha vez culminada a reforma, o Concello de Vigo poderá entregar esta fracción na instalación
- Así mesmo, substituíuse a envolvente do conxunto, reemprazando todas as láminas do peche da nave para aumentar o nivel de illamento acústico, ao tempo que se actualizou o deseño do edificio para unha mellor integración na contorna
Vigo, a 14 de maio de 2025.- A delegada da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e o presidente de Sogama, Javier Domínguez, supervisaron esta mañá as obras de remodelación da planta de transferencia de Guixar, que, en breve, e logo de dotala cunha tolva específica, estará preparada para transvasar os residuos orgánicos recollidos na cidade de forma diferenciada a través do contedor marrón, procedendo ao seu transporte á planta de compostaxe máis próxima (neste caso, a de Vilanova de Arousa), para a súa conversión en compost.
Unha vez culminados os traballos, adxudicados por un importe próximo aos 2 millóns de euros, esta planta integrarase na rede de infraestruturas para a compostaxe da fracción orgánica, impulsada polo goberno autonómico e executada por Sogama, estando conformada por 17 instalacións (4 plantas de biorresiduos -unha por provincia- e 13 plantas de transferencia de apoio, incluíndo a de Vigo).
O obxectivo desta rede, que conta cun investimento de 45 millóns de euros, dos cales 30 millóns procederon dos Fondos FEDER REACT EU, é axudar aos concellos a cumprir a normativa vixente, xa que, desde o 1 de xaneiro de 2024, quedaban obrigados a implantar a recollida separada dos residuos orgánicos de orixe doméstica e transformalos nun fertilizante natural de alta calidade con posteriores aplicacións no edido da agricultura e a xardinería.
Desta forma, facilitarase que a práctica totalidade dos municipios adheridos a Sogama (295) dispoñan dunha planta de compostaxe ou de transferencia a menos de 50 km de distancia, contribuíndo ao aforro de custos, tanto ambientais como económicos.
Menos ruídos e máis integración paisaxística
Así mesmo, a mellora da planta viguesa contemplou a substitución da envolvente do conxunto, reemprazando todas as láminas do peche da nave para aumentar o nivel de illamento acústico derivado da propia actividade, ao tempo que se actualizou o deseño do edificio para unha mellor integración na contorna. Tamén se substituiu un dos compactadores por outro de maior capacidade e dotouse á instalación de máis contedores.
As obras estarán concluídas a finais do próximo mes de xuño, un prazo que superou a previsión inicial debido ás inclemencias meteorolóxicas dos últimos meses.
Saúdos, Departamento de Comunicación