- Así o indicou o presidente de Sogama nunha entrevista concedida a RadioVoz Galicia, destacando que a aplicación práctica do principio europeo de “quen contamina, paga”, sería o sistema máis xusto e o mellor incentivo para impulsar a xestión sostible dos residuos, aínda que recoñece que non é unha tarefa doada e debe adecuarse a cada territorio
- Tamén fixo un repaso polos fitos máis relevantes vinculados á actividade desta empresa pública, aludindo ao maior número de concellos adheridos tras a incorporación da Mancomunidade Serra do Barbanza, a instauración do plan de transformación dixital e o avance das obras da futura planta de clasificación de residuos téxtiles, a primeira de carácter público en España
- En canto á implantación do contedor marrón para a recollida diferenciada da materia orgánica, indicou que, se ben avanza de forma positiva, faino de forma moito máis lenta do desexable, malia as súas vantaxes ambientais e económicas
Cerceda, 17 de xuño de 2026.- En declaracións a RadioVoz Galicia, no marco do programa Ecovoz, o presidente de Sogama, Javier Domínguez, repasou algúns dos fitos máis relevantes dos últimos meses, aludindo expresamente á adhesión dos 9 concellos que formaban parte da Mancomunidade Serra do Barbanza ao sistema de xestión de residuos impulsado pola Xunta, que dá servizo a día de hoxe a 304 entes locais, o 97% do total, aglutinando unha poboación superior a 2,3 millóns de habitantes.
No marco do Plan Estratéxico 2025-2030, fíxose eco dos avances no eido da transformación dixital, que permitirá á empresa gañar en eficiencia e reducir custos, destacando dous proxectos: Traza, unha plataforma en liña que rexistrará a rastrexabilidade do residuo desde que entra nas instalacións de Sogama ata que sae das mesmas convertido en recurso; e portal do cliente, que será a canle de comunicación por excelencia cos concellos e a través do cal estes poderán acceder aos datos e información do seu interese ao instante, eliminando tempos de espera. Desta forma, os concellos terán capacidade de reacción ante posibles incidencias e disporán da información necesaria para tomar decisións máis axustadas á realidade
Planta de clasificación de residuos téxtiles: exemplo de sostibilidade
Así mesmo, Javier Domínguez falou da que será a primeira planta pública de clasificación de residuos téxtiles, que se está construíndo no Complexo Medioambiental de Cerceda e coa que se dará cumprimento ás esixencias contempladas na lei 7/2022, de residuos e solos contaminados para unha economía circular, que obriga aos entes locais a implantar a recollida selectiva do téxtil a partir do 1 de xaneiro de 2025 e aos fabricantes a incorporar aos seus produtos unha determinada porcentaxe de fibra reciclada.
Cun investimento superior aos 22,4 millóns de euros, esta planta terá unha capacidade inicial para 3.000 toneladas anuais, ampliable ata 24.000 toneladas, e está chamada a xogar un papel crave no camiño iniciado por Galicia cara a unha moda circular, ademais de que contribuirá ao cumprimento dos obxectivos europeos de reciclaxe e recuperación.
Tamén impulsará o emprego, xa que, nunha primeira fase, creará entre 17 e 30 postos de traballo, que se cubrirán, con carácter preferente, por persoas con discapacidade ou en situación de vulnerabilidade social.
Recollida diferenciada da materia orgánica: a dúas velocidades
Respecto da recollida diferenciada da materia orgánica a través do contedor marrón para a súa posterior compostaxe industrial, o presidente de Sogama manifestou que, se ben a implantación deste recipiente avanza de forma positiva, faino de forma moito máis lenta do desexable, e isto a pesar das súas vantaxes ambientais e económicas.
Nestes momentos, 150 dos 304 concellos aos que Sogama dá servizo contan co quinto contedor, sendo a achega cidadá moi mellorable. Con todo, destacou a excelente acollida do programa de compostaxe doméstica que esta empresa lidera en Galicia e que conta con 500 entidades adscritas (232 concellos, ademais de centros educativos e colectivos sociais), tendo distribuído entre as mesmas, e de forma gratuíta, máis de 24.000 composteiros.
“Quen contamina, paga”
Domínguez Lino recoñeceu que o pago por xeración é o sistema máis xusto, pero é necesario atopar a fórmula que mellor se adecúe ás características de cada territorio e coa que se garanta o cumprimento da lei respecto da protección de datos persoais.
En todo caso, fixo fincapé no principio europeo de “Quen contamina, paga”, debendo incentivar e recompensar a aqueles concellos e cidadáns que se preocupan por colaborar na xestión sostible dos residuos e achegar o seu gran de area na menor produción de residuos e nunha maior reciclaxe.
Saúdos, Departamento de Comunicación