- Acompañou ao alcalde, Telmo Martín, así como a membros do goberno local, na visita que a comitiva fixo ao punto informativo desta empresa pública, onde tamén se deu a coñecer a campaña en liña que, co lema “Cero escusas”, Sogama acaba de lanzar para desmontar mitos e bulos ao redor da reciclaxe
Sanxenxo, 6 de xuño de 2025.- No marco da conmemoración do Día Mundial do Medio Ambiente, celebrado onte, 5 de xuño, de novo o Concello de Sanxenxo (Pontevedra) quixo render homenaxe a unha data tan sinalada despregando a II Edición da Feira de Medio Ambiente, que arrincou esta mesma mañá na Praza do Mar, poñendo o foco na loita contra o cambio climático.
Dado o potencial que a xestión sostible dos residuos ten para amortecer a contaminación ambiental, o ente local invitou a Sogama a participar nesta iniciativa cun stand informativo desde o cal educadores especializados dispensaron as oportunas explicacións aos visitantes, incidindo nas boas prácticas vinculadas ao principio dos tres erres: reducir a produción de refugallos en orixe mediante o consumo responsable, alongar a vida útil dos produtos a través da súa reutilización e participar activamente no programa de recollida selectiva, depositando cada fracción de lixo no contedor correspondente para facilitar a súa posterior recuperación e, polo tanto, a súa transformación en novas materias primas.
O presidente de Sogama, Javier Domínguez, desprazouse a Sanxenxo para estar presente no evento e acompañou ao alcalde, Telmo Martín, así como a membros do goberno local, na visita que a comitiva fixo ao punto informativo desta empresa pública, onde tamén se deu a coñecer a campaña en liña que a entidade vén de lanzar para desmontar mitos e contos ao redor da reciclaxe. Co lema “Cero escusas”, o obxectivo da iniciativa, que se nutre con cuñas radiofónicas, vídeos, banners e unha landing web, é converter as escusas máis habituais para non separar os residuos en oportunidades para fomentar a acción, traballando así no concepto de corresponsabilidade.
A través dunha serie de personaxes estilo cartoon, como recurso narrativo e visual, preténdese reforzar a proximidade das mensaxes, que conflúen nun obxectivo común: “A Galicia que queres comeza en ti”.
Máis información en https://www.sogama.gal/cero-escusas/
Cara a un municipio máis sostible
Ademais de Sogama, quen repartiu diferente merchadising entre as persoas que se achegaron ao seu stand, a feira contou coa presenza de organizacións tales como Ecovidrio, Ecopilas, a Deputación de Pontevedra e Espiña & Delfín, entre outras, ofertando todas elas actividades e talleres dirixidos ao conxunto da cidadanía.
O concelleiro de Medio Ambiente de Sanxenxo manifestou que, con esta feira, “búscase fomentar hábitos sostibles, promover a educación ambiental e avanzar cara a un municipio máis comprometido coa protección do medio natural e a loita contra o cambio climático”.
Saúdos, Departamento de Comunicación