
- Xunto cos deputados Rubén Lorenzo e Carmen Pomar, visitou o emprazamento no que se levantará a futura planta de clasificación de residuos téxtiles de Sogama, a primeira de carácter público en España, cun investimento de 22,4 M€
- Trenor quixo poñer en valor esta instalación, xa que contribuirá a incrementar as taxas de reciclado na nosa comunidade e a que a moda galega, importante motor económico, sexa máis circular e sostible
- Igualmente, asegurou que reciclar, non só trae consigo un aforro ambiental, senón que tamén supón un alivio económico para as arcas locais, toda vez que os concellos reducen a entrega de residuos a Sogama, á vez que reciben ingresos por parte das entidades recicladoras
Cerceda, 23 de setembro de 2025.- O portavoz de medio ambiente do Grupo Parlamentario do PP, Gonzalo Trenor, xunto cos deputados Rubén Lorenzo e Carmen Pomar, visitou o emprazamento no que se levantará a futura planta de clasificación de residuos téxtiles que Sogama construirá no seu Complexo Medioambiental de Cerceda (A Coruña), a primeira de carácter público en España, e á que se destinará un investimento de 22,4 millóns de euros.
Acompañados polo presidente de Sogama, Javier Domínguez, os deputados puideron constatar as dimensións da instalación, que ocupará unha superficie de 8.000 m2, dispoñendo dunha capacidade inicial para 3.000 toneladas anuais, ampliable a 24.000.
A empresa comezou o movemento de terras o pasado mes de agosto e a pretensión é que a planta estea operativa a mediados do ano 2026, xerando, nunha primeira fase, entre 16 e 30 postos de traballo, que se destinarán, con carácter preferente, a persoas con discapacidade e/ou en risco de exclusión social.
Neste sentido, e máis aló da súa dimensión ambiental, o proxecto configúrase como unha oportunidade para o emprego verde e a inserción de colectivos con limitacións á hora de acceder a un traballo.
Trenor lembrou, en relación aos residuos téxtiles, o contido da lei 7/2022, do 28 de abril, de residuos e solos contaminados para unha economía circular, xa que obriga aos concellos a recoller esta fracción de forma diferenciada a partir do 1 de xaneiro de 2025, e ás empresas do sector a incorporar aos seus produtos unha porcentaxe de fibra reciclada.
Dado o alto potencial económico da moda en Galicia, o portavoz de medio ambiente do Partido Popular considera a futura planta téxtil como unha oportunidade para lograr un sector máis sostible e circular, e animou aos cidadáns a incorporar aos seus hábitos diarios a correcta selección de residuos téxtiles, así como a mellorar a separación do resto dos refugallos a través do seu depósito no contedor axeitado para propiciar o seu posterior reciclado e, con isto, o aforro de custos, tanto ambientais como económicos.
Reciclaxe: todo beneficios
Porque, tal e como asegurou Trenor, reciclar non só trae consigo un aforro de materias primas e enerxía, constituíndo unha importante ferramenta na loita contra o cambio climático, senón que tamén supón un alivio económico para as arcas locais, toda vez que reduce a entrega de residuos a Sogama a través do contedor xenérico (bolsa negra), minorando as toneladas a tratar nas súas instalacións e, polo tanto, o custo da factura, á vez que os concellos reciben ingresos por parte das entidades recicladoras, posibilitando desta forma unha taxa municipal máis xusta e equilibrada.
Así mesmo, incidiu en que a moda rápida de usar e tirar está a engrosar de forma alarmante as cifras de residuos téxtiles producidos que, na súa maioría, acaban en vertedoiro, a peor das opcións polo seu alto poder contaminante. É por isto que recomendou adquirir pezas de calidade e duradeiras, procedendo á doazón das mesmas cando se atopen en boas condicións para que se poida alongar a súa vida útil, e á súa reciclaxe cando non poidan ser reutilizadas. E, no caso daquelas que non sexan susceptibles de ser reutilizadas nin recicladas, Sogama as someterá a recuperación enerxética, evitando con isto a súa vertedura.
Saúdos, Departamento de Comunicación