
- A organización da actividade, así como a implicación e atencións prestadas polos monitores, reciben a puntuación máis alta (4,9 nun baremo de 0 a 5)
- Séguenlle, cun 4,8, a satisfacción coa visita en xeral, a adaptación das explicacións ás características dos grupos, o potencial educativo da experiencia, o cumprimento dos obxectivos pedagóxicos e a estrutura da visita
- Estes datos proceden do informe de seguimento elaborado a partir dos resultados das enquisas cubertas, de forma anónima e voluntaria, polos visitantes durante o período comprendido entre os meses de setembro de 2024 e xullo de 2025
Cerceda, 6 de outubro de 2025.- O programa de visitas a Sogama, polo que xa pasaron preto de 88.000 persoas, evolucionou de forma moi satisfactoria durante os últimos anos, alcanzando durante o curso académico 2024-2025 a máxima valoración por parte dos participantes.
Así se deduce do informe de seguimento elaborado en base ás enquisas cubertas, de forma anónima e voluntaria, polos responsables e integrantes dos distintos colectivos (escolares, universitarios, delegacións técnicas e políticas, organizacións sociais, asociacións, empresas, etc) que visitaron o Complexo Medioambiental de Sogama en Cerceda (A Coruña) entre os meses de setembro de 2024 e xullo de 2025.
Organización, implicación e atención, os ítems mellor valorados
Nun baremo de 0 a 5, os participantes puntuaron, cun 4,8 e un 4,9, ítems tales como a satisfacción coa visita en xeral, a adaptación das explicacións ao grupo, o valor educativo da propia visita, o cumprimento dos obxectivos pedagóxicos, o grao de implicación dos monitores e atencións dispensadas por estes, así como a organización da visita, destacando especialmente estes dous últimos.
Os responsables dos distintos colectivos describen a visita como moi interesante e instrutiva, destacando a súa contribución ao aumento do coñecemento e á concienciación ao redor da xestión sostible dos residuos urbanos.
Tamén enxalzan o trato amable e profesional do persoal educativo, así como a súa capacidade para adaptarse aos distintos perfís, ofrecendo, dende a máxima transparencia informativa, explicacións claras e concisas.
Igualmente, agradecen a variedade de actividades contempladas na visita, incluíndo aquelas de carácter lúdico, así coma o atractivo que supón a oportunidade de ver o funcionamento interno das instalacións a través de realidade virtual.
Empresa pública clave para Galicia
En canto á percepción desta empresa pública, considéranna clave na sostibilidade ambiental de Galicia, toda vez que presta un servizo esencial para a sociedade. Fan fincapé no seu amplo dispositivo loxístico, a súa tecnoloxía avanzada e o seu potencial educativo, con programas orientados a cambiar percepcións e remover conciencias, axudando a que a poboación integre nos seus hábitos diarios a redución do lixo producido, a reutilización dos produtos e a reciclaxe.
A día de hoxe, Sogama xestiona os residuos urbanos de 295 concellos (preto de 800.000 toneladas anuais), e faino a través dun sistema cimentado sobre o principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe) que complementa coa recuperación enerxética da parte non reciclable, producindo, a partir da mesma, enerxía eléctrica suficiente para cubrir as necesidades do 12% dos fogares galegos e que, doutra forma, acabaría enterrada en vertedoiro, a opción máis contaminante.
Saúdos, Departamento de Comunicación