- Solicitan unha revisión específica do Regulamento de Etiquetaxe Téxtil para adaptalo aos novos materiais, reducir a fragmentación normativa e facilitar a transición dixital do sector
Cerceda, 23 de xuño de 2026.- Diversas organizacións europeas instaron á Comisión Europea a avanzar nunha revisión específica e proporcionada do Regulamento de Etiquetaxe Téxtil (TLR) co obxectivo de adaptar esta normativa aos novos retos da economía circular, a dixitalización e a crecente utilización de materiais reciclados e de nova xeración.
As entidades asinantes advirten que gran parte das disposicións contidas no actual regulamento, en vigor desde 2011, quedaron desactualizadas debido á rápida evolución tecnolóxica e regulatoria experimentada polo sector nos últimos anos. Segundo defenden, unha actualización do marco normativo permitiría manter a función esencial do regulamento —ofrecer información fiable e harmonizada aos consumidores— á vez que facilitaría a aplicación de novas políticas europeas relacionadas coa sostbilidade, a circularidade e a competitividade da industria téxtil.
Un dos principais aspectos que, ao seu xuízo, debe abordarse na revisión é a actualización das normas técnicas relacionadas coa composición das fibras, xa que a listaxe actual de fibras autorizadas e as marxes de tolerancia empregadas para verificar a súa composición foron deseñados para materiais convencionais e non teñen en conta o crecente uso de fibras recicladas, fibras orgánicas ou materiais innovadores.
Outro dos eixos centrais da proposta pasa por acelerar a dixitalización da información téxtil. As organizacións lembran que o sistema actual está baseado fundamentalmente en etiquetas físicas, un modelo que consideran cada vez menos eficiente debido ás limitacións de espazo e á crecente cantidade de información esixida pola normativa comunitaria.
Actualmente, moitas pezas incorporan etiquetas estensas e complexas que inclúen información en múltiples idiomas, instrucións de mantemento e outros datos regulatorios, o que incrementa custos e xera residuos innecesarios.
Por iso, propoñen limitar a información obrigatoria presente na etiqueta física aos datos esenciais e trasladar o resto da información a soportes dixitais.
Tamén alertan sobre a crecente fragmentación regulatoria dentro do mercado interior europeo. Actualmente, os distintos requisitos nacionais en materia de idiomas obrigatorios, símbolos específicos ou formatos de etiquetaxe xeran dificultades adicionais para fabricantes e distribuidores que operan en varios Estados membro, con custos adicionais e obstáculos á libre circulación de produtos dentro da UE. Por iso, solicitan unha harmonización máis ambiciosa que reduza as diverxencias regulatorias e facilite o funcionamento do mercado único europeo.
Claridade entre etiquetaxe e pasaporte dixital
As entidades defenden que o Regulamento de Etiquetaxe Téxtil debe seguir sendo o instrumento encargado de comunicar aspectos esenciais como a composición das fibras, mentres que o futuro Pasaporte Dixital de Produto (DPP) debería asumir a función de proporcionar información máis ampla relacionada co ecodeseño, o rendemento ambiental, a durabilidade e a sostibilidade dos produtos.
Fonte e imaxe: Recycling Europe