
- Sogama subministrou ao Concello 30 composteiros e igual número de manuais didácticos de apoio, á vez que impartiu un curso presencial para formar aos usuarios na técnica e resolver todas as súas dúbidas
Cerceda, a 28 de xullo de 2025.- O Concello de Outes (A Coruña), co apoio de Sogama, estendeu o seu programa de compostaxe doméstica a unha trintena de familias, sumando un total de 85 as que participan actualmente nesta iniciativa, cuxo obxectivo é poñer en valor a materia orgánica mediante a súa conversión en compost.
Con tal fin, esta empresa pública subministrou ao ente local 30 composteiros, con capacidade para 400 litros, así como manuais didácticos nos que se describe a técnica a aplicar e dáse resposta ás preguntas máis frecuentes, sendo o obxectivo último desta iniciativa que os usuarios obteñan un abono natural de alta calidade, que cumpra con todos os requisitos establecidos pola normativa vixente e que, polo tanto, poidan aplicar, con garantías e sen restricións, nos seus xardíns, hortas e terras de cultivo.
Adicionalmente, e coa pretensión de afianzar coñecementos e posibilitar que a veciñanza puidese consultar as súas dúbidas e mesmo trasladar os seus comentarios e propostas, técnicos de Sogama, a solicitude do Concello, impartiron en días pasados un curso de formación presencial no que tamén se explicou, desde unha dimensión práctica, como montar o composteiro, onde debe estar localizado (no exterior da vivenda, nunha zona protexida das inclemencias meteorolóxicas e en contacto directo coa terra para facilitar a entrada dos microorganismos descompoñedores), que residuos deben (e non deben) introducirse no mesmo e a necesidade de que a mestura entre fracción húmida e seca sexa equilibrada e homoxénea. Tamén se incidiu na importancia de que o usuario realice un control e seguimento de parámetros tales coma o osíxeno, a temperatura e a humidade.
Dado que a materia orgánica representa en torno ao 40% da composición dunha bolsa de lixo doméstico tipo, se se aproveita en orixe mediante a súa transformación en abono, garántese a súa incorporación ao solo para dar lugar a unha nova vida, seguindo o ciclo da natureza, á vez que se minora a cantidade de residuos a depositar no contedor da rúa. Desta forma, os participantes teñen a oportunidade de contribuír a diminuír a frecuencia de recollida e transporte por parte dos servizos municipais e, polo tanto, as emisións de CO2 á atmosfera, así como as cantidades de residuos a entregar nas plantas de tratamento finalistas, reducindo o importe a pagar por este servizo.
Saúdos, Departamento de Comunicación