
- Con tal fin, proporcionou ao centro 6 composteiros e outros tantos cubos específicos para materia orgánica, e levará a cabo unha xornada formativa presencial que se orientará ao alumnado das áreas de cociña e restauración, así como de producións agrícolas
- Trátase dun colexio de educación especial, situado en Santiago de Compostela, cuxo principal obxectivo é dispensar aos estudantes unha formación adaptada e especializada, axudándolles a desenvolver competencias profesionais e a integrarse na sociedade
Cerceda, a 18 de setembro de 2025.- Sogama colabora este curso académico 2025-2026 co Colexio Público de Educación Especial Manuel López Navalón, situado en Santiago de Compostela, e faino coa pretensión de apoialo na valorización da materia orgánica a través da autocompostaxe, e contribuír á formación dos estudantes de áreas tales como cociña e restauración, así como producións agrícolas.
Con tal fin, a empresa subministrou a este centro un total de 6 composteiros, que serán colocados estratexicamente nas inmediacións do recinto escolar, ao igual que outros tantos cubos marróns para o traslado da materia orgánica dende o lugar de produción ata o composteiro máis próximo.
O proxecto, ademais de servir de reforzo nas áreas de coñecemento referenciadas, constitúe unha oportunidade para concienciar a todo o alumnado, con independencia das disciplinas que curse, da importancia que ten a prevención e redución da xeración de residuos, e a oportunidade que, neste sentido, representa a compostaxe, tanto na súa modalidade doméstica como industrial, para a mellor xestión dos mesmos, permitindo obter un produto final, o compost, con grandes beneficios para o solo, xa que, ademais de actuar como abono natural, tamén o protexe fronte a pragas e enfermidades.
O alumnado participante nesta experiencia poderá tomar boa nota do proceso e comprobar o potencial que ten a materia orgánica para a súa transformación nun recurso que dará lugar a unha nova vida, conforme ao ciclo da natureza.
Formación presencial
Ademais, o próximo 29 de setembro, técnicos de Sogama desprazaranse ao colexio santiagués para impartir unha sesión formativa na que explicarán a operativa a seguir: dende o lugar idóneo no que colocar o composteiro e os materiais que deben, e non deben, ser depositados no mesmo, ata a importancia de que a mestura garde un equilibrio entre fracción húmida e seca, e o necesario control de parámetros tales como o osíxeno, a temperatura e a humidade. Isto posibilitará a obtención dun compost de alta calidade, que dea cumprimento á normativa vixente e que, polo tanto, poida ser aplicado con garantías e sen restricións.
A sesión será aproveitada para dar resposta a todas as dúbidas expostas polos asistentes e tamén a lembrar as boas prácticas asociadas ao principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe), e o labor complementario de Sogama.
Saúdos, Departamento de Comunicación