- A empresa pública fai balance deste programa con motivo do Día Internacional para a Conservación do Solo, que se celebra hoxe
- Actualmente, forman parte desta iniciativa, con incuestionables beneficios ambientais, económicos e sociais, 235 concellos das catro provincias, ademais de 230 centros educativos e 35 colectivos sociais
- A autocompostaxe constitúe unha magnífica medida de prevención e redución da produción de residuos en orixe, e coa que os concellos poden diminuír as cantidades de bolsa negra entregadas a Sogama para o seu tratamento final, minorando custos
Cerceda, 7 de xullo de 2026.- Con motivo do Día Internacional para a Conservación do Solo, que se celebra hoxe, Sogama fai balance do programa de compostaxe doméstica que lidera en Galicia, que xa supera a barreira das 500 entidades adscritas (235 concellos, 230 centros educativos e 35 colectivos sociais) e os 24.200 composteiros repartidos entre as mesmas de forma gratuíta.
Con esta iniciativa, a empresa pretende contribuír a fomentar a autoxestión da materia orgánica, dados os seus incuestionables beneficios ambientais, económicos e sociais, e recuperar unha práctica tradicional no rural galego, como é a segregación dos restos orgánicos para alimento de animais domésticos ou a elaboración de compost, pero, neste último caso, dunha forma máis moderna, eficiente, cómoda e hixiénica facilitada polo composteiro. Este recipiente, con capacidade para 400 litros e fabricado con materiais reciclados e reciclables, permite levar a cabo, de forma controlada, o proceso de fermentación da fracción orgánica, que vén representar ao redor do 37-40% da composición media dunha bolsa de lixo doméstico tipo.
O programa acolle unicamente vivendas unifamiliares que dispoñan de terreo (horta, xardín ou terras de cultivo) no que aplicar o compost resultante, pechando o propio ciclo da natureza conforme os principios da economía circular: de residuo a recurso.
Así mesmo, o tratamento da materia orgánica en orixe constitúe unha magnífica medida de prevención que propiciará unha diminución das cantidades de bolsa negra (fracción resto) entregadas a Sogama por parte dos concellos para o seu tratamento final, diminuíndo o importe da factura a pagar a esta empresa pública polo seu servizo.
Apoio á formación
A fin de que os usuarios conten coa información e coñecementos necesarios para levar a cabo este proceso con garantías, técnicos de Sogama imparten formación presencial, á vez que entregan manuais nos que se describe a operativa a seguir desde a propia instalación do composteiros, que debe situarse no exterior da vivenda e en contacto directo coa terra para facilitar a entrada dos microorganismos descompoñedores, ata os materiais que deben e non deben introducirse no mesmo, e a supervisión de parámetros como a temperatura, o osíxeno e a humidade, que xogarán un papel relevante no resultado final.
O obxectivo é que os participantes poidan obter un compost de alta calidade, que cumpra os requisitos da normativa vixente e que, polo tanto, poida ser aplicado na agricultura e xardinería con garantías e sen restricións.
Landing web: https://www.sogama.gal/gl/compostaxe-domestica
Saúdos, Departamento de Comunicación