- A Conferencia das Nacións Unidas sobre o Cambio Climático arrinca hoxe en Belém, Brasil, e culminará o próximo 21 de novembro
- A Unión Europea preséntase como un socio fiable e ambicioso que mantén o seu compromiso de lograr a neutralidade climática para 2050
- A cita visualízase tamén como unha oportunidade estratéxica para aumentar o financiamento destinado aos países en desenvolvemento ata alcanzar alomenos 1,3 billóns de dólares anuais para 2030
Cerceda, 10 de novembro de 2025.- A Unión Europea reafirmará o seu compromiso coa acción climática na COP30, a Conferencia das Nacións Unidas sobre o Cambio Climático, que arrinca hoxe en Belém, Brasil, e culminará o próximo 21 de novembro.
O obxectivo da UE é impulsar unha transición global limpa, xusta e resiliente, que cree oportunidades de negocio, que estimule o crecemento, que mellore a competitividade industrial e que non deixe a ninguén atrás. Considera que a conferencia representa un momento crucial para intensificar as medidas que permitan alcanzar os obxectivos do Acordo de París, e é por isto que seguirá a liderar os esforzos, presentándose como un socio fiable e ambicioso que mantén o seu compromiso de lograr a neutralidade climática para 2050.
Na COP30, fará un chamamento a unha resposta colectiva ante as deficiencias na ambición e a implementación dos obxectivos climáticos, minimizando o alcance e a duración de calquera exceso por riba de 1,5 °C e a plena aplicación dos compromisos da COP (o primeiro Balance Mundial -GST- no marco do Acordo de París e os Compromisos Mundiais para triplicar a capacidade instalada de enerxías renovables e duplicar a taxa mundial de melloras na eficiencia enerxética para 2030).
A conferencia deste ano debería dar seguimento ao GST e ao recente Informe de Síntese da ONU sobre os novos plans climáticos nacionais, coñecidos como Contribucións Determinadas a Nivel Nacional (CDN), aproveitando os progresos logrados e establecendo como intensificar e acelerar a implementación dos compromisos da COP28.
Emisións GEI
A nova CDN da UE , que se presentará á Convención Marco das Nacións Unidas sobre o Cambio Climático (CMNUCC), ten como obxectivo reducir as emisións netas de GEI entre un 66,25 % e un 72,5 % por baixo dos niveis de 1990 para 2035, abarcando todos os sectores da economía e todos os GEI. Trátase dun fito ambicioso no camiño cara a unha redución neta do 90 % para 2040 en comparación cos niveis de 1990, o que achanda o camiño cara á neutralidade climática da UE para 2050 e está aliñado cos obxectivos do Acordo de París.
En materia de prezos e mercados do carbono, a Presidencia da COP30 ten previsto lanzar a Coalición Aberta para Mercados de Carbono de Cumprimento Normativo. Esta coalición reunirá a países e xurisdicións que xa estean a implementar mecanismos de fixación de prezos do carbono ou que estean a realizar avances tanxibles cara a ese obxectivo.
Financiamento climático
Outro elemento importante desta COP30 será o financiamento climático. A «Folla de Roteiro Bakú-Belém», que presentarán Acerbaixán e Brasil, representará unha oportunidade estratéxica para aumentar o financiamento destinado aos países en desenvolvemento ata alcanzar alomenos 1,3 billóns de dólares anuais para 2035, coa participación de todos os actores, tanto dentro como fóra da CMNUCC, e prestando especial atención ás necesidades dos máis vulnerables, en particular os países menos adiantados e os pequenos Estados insulares en desenvolvemento.
Como principal contribuínte mundial ao financiamento público do clima, a UE e os seus Estados membros achegaron conxuntamente en 2024 un total de 31.700 millóns de euros procedentes de fontes públicas e mobilizaron outros 11.000 millóns de euros en financiamento privado.
Fonte: Comisión Europea
Imaxe: sitio web COP30