
- No transcurso da xornada, celebrada na propia Casa do concello, explicouse a dinámica a seguir polos usuarios para obter finalmente un compost de alta calidade
- Así mesmo, e máis aló dos beneficios ambientais da compostaxe doméstica, o ente local considera esta iniciativa como unha oportunidade para previr e reducir a xeración de residuos en orixe e, polo tanto, para minorar as cantidades de refugallos a tratar
Cerceda, ao 26 de maio de 2025.- Veciños do Concello de Paderne (A Coruña) foron instruídos por persoal de Sogama na técnica da autocompostaxe durante unha sesión formativa celebrada na propia Casa do concello e á que foron convocados polo ente local.
No transcurso da xornada explicáronse os pormenores da autoxestión da materia orgánica a través do composteiro doméstico, informando sobre os residuos que deben e non deben depositarse no mesmo, como controlar a evolución da fermentación do material, o seguimento a realizar de parámetros tales coma o osíxeno, a temperatura e a humidade, así como a necesidade de que a mestura entre fracción húmida e seca sexa equilibrada.
Tamén se especificou o mellor lugar para a localización do composteiro, preferiblemente nunha zona sombreada e resgardada das inclemencias meteorolóxicas, debendo estar en contacto directo coa terra para facilitar a entrada dos microorganismos descompoñedores.
Para participar neste programa é necesario que os veciños habiten en vivendas unifamiliares que dispoñan de terreo no que aplicar o compost obtido, polo xeral de moi boa calidade neste tipo de procesos. Péchase así o ciclo de xestión dos restos orgánicos, que regresan ao solo en forma de abono para dar lugar a unha nova planta ou cultivo, substituíndo aos fertilizantes artificiais.
A día de hoxe, Sogama proporcionou ao Concello de Paderne 110 composteiros, con capacidade para 400 litros e fabricados con materiais reciclados e reciclables. Se ben para a elaboración de compost non é prioritario dispoñer dun recipiente destas características, o certo é que este dispositivo contribúe a que a operativa sexa máis cómoda, hixiénica e eficiente.
Con esta iniciativa, avalada polos seus beneficios ambientais, o Concello tamén quere reducir a cantidade de residuos introducidos no contedor xenérico, diminuíndo deste xeito as entregas a Sogama e, en consecuencia, minorando o importe da factura a pagar a esta empresa pública.
Saúdos, Departamento de Comunicación