A compostaxe doméstica é a que se realiza nunha unidade familiar empregando pequenos composteiros, que se alimentan cos residuos orgánicos xerados na propia vivenda, como restos de alimentos, cascas de froitas, restos de podas, etc.

Da fermentación controlada desta materia orgánica obterase un abono natural de alta calidade, para a súa utilización nos labores propios dun xardín familiar ou de pequenas plantacións.

Para obter un compost de calidade o mellor é empregar diferentes materiais, tratando de conseguir un equilibrio entre elementos frescos e húmidos (froitas, verduras, céspede…) e elementos secos (ramas, cinza, serraduras…). Ademais, canto máis triturados estean, maior será a rapidez da súa descomposición e fermentación. Consulta aquí os materiais que poden depositarse no composteiro.

1. Un composteiro
É un recipiente que facilita a circulación do aire no seu interior, onde se introducen os restos orgánicos, permitindo unha óptima accesibilidade, tanto para depositar residuos como para extraer o abono resultante.

2. Espazo na túa horta
Unha correcta localización do composteiro propiciará que o compost que produza sexa de boa calidade, optimizando recursos como as horas de luz, a ventilación e a humidade do solo.

3. Residuos de cociña e xardín
Os restos de verduras e froitas, restos de poda, herba cortada e céspede, as follas secas e demais elementos orgánicos do teu fogar, servirán para producir un abono natural óptimo.

4.Un aireador e unha pa
Co aireador conseguiremos ventilar o compost sen que perda propiedades e coa pa ordenaremos correctamente as capas para a súa descomposición eficiente.

5. Auga
A auga é imprescindible para humedecer os materiais e conseguir que non sequen. Deste xeito, garantiremos a transformación da materia orgánica en compost.