O compost é o produto resultante do proceso de descomposición biolóxica da materia orgánica, un material hixienizado e estable, de cor escura e cheiro a terra que pode empregarse como abono natural en agricultura, como fertilizante en xardinería, na formulación de substratos e para a restauración de solos degradados.

A partir da transformación dos residuos orgánicos biodegradables de orixe vexetal e/ou animal en compost péchase o ciclo de aproveitamento dos restos orgánicos, que regresan á terra para dar unha nova vida.

Debido ao seu carácter aterronado, o compost facilita a formación de conglomerados, permitindo así manter unha correcta aireación e humidade do solo.
Dada a súa condición de produto natural, libre de patóxenos, actúa en moitos casos como bactericida e funxicida.
Ao ser un produto rico en nutrintes e macronutrintes, o compost convértese nun excelente abono, contribuíndo a que as plantas teñan unha maior resistencia ás pragas e enfermidades.