A compostaxe industrial é a que se desenvolve en instalacións de gran capacidade, cuxo obxectivo é cumprir unha importante función en contornas urbanas e semiurbanas nas que, por limitacións de espazo, non é posible levar a cabo sistemas de compostaxe doméstica, contribuíndo ao cumprimento dun dos principais obxectivos da xestión de residuos municipais en Europa: o incremento da reciclaxe da materia orgánica.

Para que a compostaxe industrial sexa eficaz e se consiga obter con ela un produto de alta calidade é moi importante realizar unha correcta separación da materia orgánica en orixe, o seu posterior depósito no contedor marrón e a súa recollida e traslado á planta de compostaxe máis próxima.

Consulta aquí a relación de materiais que deben depositarse no contedor marrón.

As plantas de compostaxe industrial contan cunhas condicións controladas, como unha aireación constante e un axeitado nivel de humidade, alcanzándose temperaturas próximas aos 65º. A súa maior carga e diversidade de microorganismos reduce os tempos de biodegradación e aumenta a eficiencia do proceso, de modo que algúns materiais non compostables a nivel doméstico si poden ser compostables a nivel industrial.

O proceso, que vai desde dispoñer dunha fracción máis ou menos heteroxénea de materia orgánica procedente de residuos urbanos ata un produto final (compost) cuxo destino principal é a súa utilización como emenda orgánica e fertilizante para agricultura, espazos verdes e xardinería, divídese en diferentes fases:

Fase Mesófila

Esténdese aproximadamente durante unha semana na que os microorganismos mesófilos se aclimatan ao novo medio, iniciando a súa reprodución utilizando os compostos orgánicos máis simples e solubles. Debido á degradación dos azucres e aminoácidos pola acción destas bacterias e fungos, prodúcese unha diminución do pH e un aumento da temperatura ata os 40ºC.

Fase Termófila ou de hixienización

Durante 2 a 3 semanas, cando a temperatura supera os 45ºC, os microorganismos mesófilos son substituídos polos termófilos e termotolerantes, que se encargan de descompoñer materiais como a celulosa ou a lignina, ceras ou proteínas complexas. Cando a temperatura alcance os 60ºC inhibiranse os microorganismos, eliminaranse patóxenos e limitarase a presenza de osíxeno, coa consecuente diminución da actividade microbiana e, por tanto, da temperatura.

Fase Mesófila de arrefriado

Desenvólvese nos seguintes 30 días. Unha vez metabolizada a práctica totalidade da materia orgánica, a temperatura volve descender ata os 40-45º e reaparecen os microorganismos mesófilos, que continúan a degradación dos materiais.

Fase de Maduración

É a fase máis longa, de 6 a 10 semanas, na que a mestura se arrefría ata chegar a temperatura ambiente. A materia orgánica estabilízase e madura mediante condensación e polimerización para obter un produto húmico final cun alto nivel de estabilidade e un nulo grao de fitotoxicidade.

Unha vez que a materia orgánica é recollida de forma diferenciada a través do contedor marrón, transpórtase á planta de compostaxe industrial máis próxima. Alí, tras separar os elementos impropios, introdúcese a materia orgánica en pilas pechadas ás que se inxecta aire durante un período de entre 6 e 8 semanas, facilitando con iso a súa fermentación e posterior transformación en “compost primario”.

Transcorrido este tempo, o material trasládase a outras pilas con volteo e axitación de aire, adentrándose na fase de maduración, que dura entre 6 e 10 semanas, dependendo de factores tales como a temperatura e a humidade.

O circuíto conclúe co afino final, onde se retiran elementos impropios, acondicionando tres tipos de produtos: o rexeitamento, que non é compost e que se valorizará material ou enerxeticamente; o compost de nivel 1, con estrutura grosa; e o compost de nivel óptimo, con estrutura fina, utilizando ambos como emenda orgánica con interesantes propiedades para os solos agrícolas.

O compost, polo seu alto contido en materia orgánica e as súas propiedades como bioadsorvente, pode ser utilizado no tratamento de augas residuais. Ese é precisamente un dos obxectivos do proxecto Res4ValOR, a posta en valor do compost probando a súa viabilidade para ser utilizado na retención de contaminantes emerxentes presentes nas augas residuais.

Ademais, o compost é un produto rico en humus, o que lle dá un valor engadido como fertilizante ou na remediación de solos degradados. Por outra parte, a partir das substancias húmicas que contén pódense obter produtos cosméticos, nutracéuticos ou suplementos alimentarios. A optimización do proceso de compostaxe industrial para incrementar o contido en substancias húmicas do compost foi un dos obxectivos do proxecto Res2ValHum.

E o compost tamén pode ser materia prima para, por exemplo, producir bioplásticos ou para a obtención de encimas.