Idiomas

250 fogares de Salvaterra do Miño xa compostan os seus residuos orgánicos

Print this pagePrint this pagePrint this page
  • Sogama remitiu ao Concello unha nova partida de composteiros, así como cubos domiciliarios e manuais didácticos
  • A iniciativa está a dar moi bos resultados e cada vez son máis os veciños que queren formar parte da mesma

Cerceda, a 22 de marzo de 2022.- Coa nova partida de composteiros remitida por Sogama ao Concello de Salvaterra do Miño (Pontevedra), xa son 250 as vivendas unifamiliares con terreo que participan activamente no programa liderado por esta empresa pública para promover a autoxestión da materia orgánica mediante a súa transformación en compost, un abono natural con excelentes propiedades fertilizantes.

Xunto cos composteiros, Sogama tamén remitiu ao Concello cubos domiciliarios de cor marrón coa pretensión de facilitar o traslado da materia orgánica desde a cociña ao composteiro, que debe estar localizado no exterior da vivenda, nunha zona protexida das inclemencias meteorolóxicas e en contacto directo coa terra para facilitar a entrada dos microorganismos  descompoñedores.

O obxectivo do ente local é que esta iniciativa, que está a dar moi bos resultados, contribúa a alcanzar importantes beneficios para o municipio, tanto desde o punto de vista ambiental (reducindo a cantidade de residuos depositados nos contedores verdes convencionais, como económico (diminuíndo o importe da factura a pagar a Sogama debido á menor cantidade de lixo entregado a esta empresa pública para o seu tratamento final), e social recuperando unha práctica tradicional no rural galego como é a segregación dos restos orgánicos para alimento do gando e/ou elaboración de compost.

Sogama tamén remitiu a esta localidade pontevedresa unha nova tirada de manuais de compostaxe doméstica para que sexan distribuídos entre os participantes e, desta forma, poidan dispoñer dun recurso de consulta.

Ademais de detallar os pasos a seguir para lograr un compost de alta calidade que cumpra cos requisitos estipulados pola lexislación vixente e que, polo tanto, resulte apto para ser aplicado na agricultura e xardinería con garantías e sen restricións, nestes soportes didácticos dáse resposta ás preguntas máis frecuentes e ás dificultades e limitacións máis habituais.

Os interesados poderán complementar os seus coñecementos a través do sitio web www.compostaconsogama.gal

Saúdos, Departamento de Comunicación

22 Mar 2022

Galería