As nosas instalacións

O Complexo Medioambiental de Cerceda

Emprazado no municipio de Cerceda, na provincia da Coruña, constitúe o epicentro da actividade industrial de Sogama

No mesmo centralízase o tratamento dos residuos urbanos producidos polos 295 concellos adscritos ao modelo de xestión impulsado por esta empresa pública, que se sustenta sobre a aplicación prioritaria da estratexia dos tres erres (Redución, Reutilización e Reciclaxe), complementada coa Recuperación enerxética da parte non reciclable.

Dúas das tres fracciones de residuos que se atopan baixo a competencia de Sogama procésanse nesta infraestrutura: bolsa amarela (envases de plástico, latas e briks procedentes da recollida selectiva do colector amarelo) e bolsa negra (fracción resto correspondente ao colector verde convencional).

O Complexo ocupa unha superficie de 65 hectáreas e ten capacidade para tratar 1.000.000 de toneladas de residuos anuais. o Complexo Ambiental de Cerceda Está conformado por unha serie de plantas, cada unha delas cun labor específico, que encadean de forma secuenciada e armoniosa todas as fases polas que circula o residuo para a súa posta en valor, ben propiciando a súa reciclaxe, no caso dos materiais susceptibles de ser reciclados, ben recuperando a enerxía eléctrica contida na parte non reciclable.

 

Instalacións que conforman o Complexo Medioambiental

 

Complexo Medioambiental de Cerceda

 

Planta de Clasificación de Envases Lixeiros (PCLAS)

Nesta instalación recíbense os materiais que conforman a bolsa amarela, isto é, envases de plástico, latas e bricks, para ser separados de forma automática por tipoloxías. Tralo seu prensado e embalado independente, remítense aos centros recicladores para a súa transformación en novos produtos.

 

PCLAS

 

Planta de Reciclaxe, Tratamento e Elaboración de Combustible (PRTE)

Recibe a bolsa negra para proceder ao seu tratamento, que transcorre por varias etapas. Sérvese para iso de 3 liñas de pretratamento con capacidade unitaria para 60 toneladas/hora, outros tantos equipos abrebolsas de última xeración (un por liña) e 6 trómeles de triaxe que permiten clasificar fraccións de distinta granulometría para ser sometidas posteriormente a unha nova selección automática a través da cal se recuperan distintos tipos de material.

Os sobretamaños sepáranse no tromel primario, podendo triturar unha parte deste material para a súa transformación en combustible. O resto pasa a un abrebolsas, liberando os residuos para proceder á súa clasificación.

A fracción menor de 90 mm, cun alto contido en materia orgánica, sepárase no tromel secundario, atravesando posteriormente dúas liñas de tratamento para o seu secado e selección automática de metais férricos, aluminio e vidro, que son remitidos aos centros de reciclaxe. O resto de material, xa seco, utilízase como combustible.

A fracción comprendida entre 90 e 400 mm, envíase á nova Planta de Clasificación de Materiais (PCM) mediante unha cinta transportadora.

Separadores tipo Overband e Foucault permiten recuperar, respectivamente, os metais férricos e o aluminio. Para a separación do vidro utilízanse separadores ópticos.

 

PRTE

 

Planta de Coxeración (PCOG)

Participa no proceso subministrando a calor necesaria para a fase de secado da fracción fina non reciclable.

 

Planta de Cogeneración

 

Planta de Clasificación de Materiais (PCM)

A fracción comprendida entre os 90 e os 400 mm procedente da PRTE, trátase na Planta de Clasificación de Materiais. A instalación conta con 5 trómeles de selección para a segregación das seguintes fraccións.

  • 90 mm e 250 mm. Envíase a un separador balístico onde se selecciona por formas (planares e rodantes).
  • 250 mm e 400 mm. Alimenta un pretriturador no que se ve reducido o seu tamaño para mellorar a separación.

A instalación dispón de 4 liñas de clasificación de planares con 2 separadores ópticos por liña (8 separadores ópticos en total) para recuperar papel e cartón, plástico filme, plástico ríxido e bricks.

Conta igualmente con 4 liñas de clasificación de rodantes con 4 ópticos por liña (16 separadores ópticos en total) para a segregación dos diferentes tipos de plásticos, ademais dun separador magnético para os metais férricos.

O rexeitamento da cascada de ópticos atravesa un separador de indución para a recuperación do aluminio.

O fluxo de lixeiros e planares, conformado fundamentalmente por plástico filme e papel/cartón, son recuperados mediante aspiración e tecnoloxía óptica respectivamente.

O fluxo de rodantes, integrado por plásticos e bricks, entre outros, son tamén seleccionados mediante ópticos, recuperando desta forma os distintos plásticos en función da súa composición (PET, PEAD, bricks, polipropileno, poliestireno e plástico mixto), ademais de papel/cartón de carácter rodante, como é o caso das caixas.

O proceso culmina co labor dos operarios nunha cabina de triaxe para o control de calidade.

Os materiais recuperados son prensados e embalados para a súa remisión aos centros recicladores, mentres que o rexeitamento é triturado e utilizado como combustible.

Esta planta, enmarcada na industria 4.0, comezou a operar en novembro de 2018 e incorpora os últimos avances tecnolóxicos existentes no ámbito da automatización, as comunicacións e os sistemas de información.

 

PCM

 

Planta Termoeléctrica

Coas fraccións de rexeitamentos (residuos non reciclables) da PRTE e a PCM, acondiciónase un Combustible Derivado de Residuos (CDR) que alimenta a planta termoeléctrica para producir electricidade equivalente ao consumo do 12% dos fogares galegos. Esta instalación conta cunha potencia instalada de 50 MW/h.

O Complexo Medioambiental está dotado de importantes medidas de control e de protección ambiental, tanto a nivel de emisións como de depuración de augas, que garanten o rigoroso cumprimento da esixente normativa aplicable. A actividade industrial desenvolvida no mesmo lévase a cabo coas tecnoloxías máis innovadoras que permiten compatibilizar a operativa desta infraestrutura coa protección da contorna e a saúde pública.

 

Planta Termoeléctrica

 

Máis info
Principais instalacións
Emisións á atmósfera
Tratamento de efluentes
Preferencias de cookies