Idiomas

Ao redor dun cento de escolares do IES Chano Piñeiro son instruídos por Sogama na reciclaxe

Print this pagePrint this pagePrint this page
  • Educadores da empresa pública desprazáronse a este centro, pertencente ao Concello de Forcarei (Pontevedra), para impartir tres sesións presenciais focalizadas na correcta recollida selectiva dos residuos municipais, dando aos escolares a oportunidade de consultar as súas dúbidas
  • Mostráronse interesados en coñecer a loxística e operativa despregada por esta empresa pública para transportar os residuos ata o Complexo Medioambiental de Cerceda, onde reciben o oportuno tratamento

Cerceda, a 18 de xaneiro de 2022.- No marco do seu programa formativo en centros educativos e colectivos sociais, técnicos de Sogama desprazáronse ao municipio pontevedrés de Forcarei para impartir charlas de corte ambiental no IES Chano Piñeiro, moi interesado en instruír aos seus alumnos/as na correcta recollida selectiva dos residuos municipais e darlles a oportunidade de consultar as súas dúbidas, así como de trasladar as súas observacións e comentarios.

A través de tres sesións presenciais, un total de 90 estudantes de ESO e Primeiro de Bacharelato, recibiron explicacións sobre as boas prácticas na xestión sostible dos residuos, priorizando a aplicación diaria da estratexia dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe), e sobre a actividade industrial de Sogama, compañía pública autonómica encargada de xestionar os refugallos urbanos producidos por 295 concellos, entre os que se atopa o de Forcarei.

Lembrouse que as competencias da Sociedade Galega do Medio Ambiente cínguense ao contedor amarelo (envases de plástico, latas e briks) e convencional (fracción resto), sendo o seu labor separar os materiais susceptibles de ser reciclados para a súa remisión aos centros recicladores, e valorizar enerxeticamente a fracción resto, é dicir, transformar en enerxía eléctrica a parte non reciclable, a partir da cal produce o equivalente ao consumo do 12% dos fogares galegos.

LOXÍSTICA PUNTEIRA

O alumnado interesouse pola loxística aplicada no sistema Sogama, é dicir, a infraestrutura e operativa da que se vale a entidade para transportar os residuos ao Complexo Medioambiental de Cerceda (A Coruña). Neste sentido, trasladóuselles que a empresa dispón dunha rede conformada por 37 plantas de transferencia, distribuídas estratexicamente polo conxunto do territorio galego, que serven de punto de transvasamento dos refugallos desde os camións de recollida municipal a contedores de maior capacidade, aptos para ser transportados por ferrocarril ou estrada, e nas mellores condicións de seguridade, ata o centro de tratamento, onde reciben a mellor xestión conforme ás súas características.

No caso de Forcarei, os residuos procedentes do contedor amarelo e convencional, transpórtanse de forma independente á planta de transferencia de Silleda, desde onde son trasladados a Cerceda.

Igualmente, lembrouse que o seu Concello está adscrito ao programa de compostaxe doméstica de Sogama, xunto con outros 223, ademais de 186 centros escolares e 31 colectivos sociais, tendo distribuído a empresa entre os mesmos, e de forma gratuíta, preto de 20.000 composteiros, ademais de asumir a formación dos participantes.

Saúdos, Departamento de Comunicación

18 Xan 2023

Galería