SOGAMA en Facebook
SOGAMA en Instagram
SOGAMA en Twitter
SOGAMA en Vimeo
SOGAMA en Linkedin
SOGAMA

Idiomas

Arrinca un novo curso en liña de Sogama sobre educación ambiental orientado ao profesorado

Print this pagePrint this pagePrint this page
  • Baixo o título “Pechando o círculo: a Educación Ambiental do Século  XXI”, foi deseñado para docentes de infantil, primaria e ESO, e desenvolverase a través da plataforma  PLATEGA da Consellería de Educación
  • Cada un dos temas a tratar (10 en total) irá asociado a unha proba tipo test que os participantes deben superar, completándose a avaliación cunha actividade final sobre os tres erres: redución, reutilización e reciclaxe.
  • Sogama xa impartiu 15 cursos en liña dirixidos a distintos colectivos sociais, destinando 8 deles a docentes de diferentes niveis educativos.

Cerceda, a 23 de febreiro de 2021.- Sogama, a través da plataforma  PLATEGA da Consellería de Educación, activa un novo curso en liña orientado ao profesorado de infantil, primaria e ESO dependente da Xunta de Galicia.

Baixo o título “Pechando o círculo: a Educación Ambiental do Século  XXI”, os principais obxectivos desta actividade formativa son que os docentes tomen conciencia da importancia que ten a educación ambiental como elemento transversal no currículo académico e como ferramenta prioritaria na transición que a sociedade debe realizar cara á economía circular, abandonando o caduco e obsoleto sistema de economía lineal, caracterizado precisamente polas malas prácticas de extraer, usar e tirar; que coñezan as características do modelo circular e como contribuír ao mesmo desde a xestión sostible dos residuos, a loita contra o cambio climático, a conservación da biodiversidade e o uso eficiente dos recursos naturais; e que accedan a instrumentos didácticos e divulgativos de interese para colaborar na protección do medio ambiente desde as aulas e fóra delas.

TEMÁTICAS E AVALIACIÓN

Con 30 horas lectivas, as temáticas a abordar son un total de dez:

1.-A educación ambiental: concepto, proxección e alcance.

2.- Da economía lineal á economía circular: o reto dunha sociedade circular.

3.- A figura do educador ambiental: competencias, habilidades e aptitudes.

4.- Consumo responsable, consciente e informado.

5.-Loita contra o cambio climático desde o coñecemento e as boas prácticas.

6.- As  ecoescolas: un paso adiante na construción dun futuro sostible.

7.- Xestión responsable dos residuos urbanos. Pormenores do modelo Sogama: labor en Galicia.

8.- Programa de educación ambiental no sistema Sogama.

9.- Deseño de accións ambientais e materiais didácticos de referencia.

10.- Hora de actuar: cara a unha sociedade da sostibilidade.

Cada tema irá asociado a unha proba test, que os participantes deben superar, completándose a avaliación cunha actividade final sobre os tres erres: redución, reutilización e reciclaxe.

REFORZO DA FORMACIÓN EN LIÑA

Sogama xa impartiu 15 cursos en liña dirixidos a varios colectivos sociais, destinando 8 deles a docentes de distintos niveis educativos e especialidades co fin de profundar en áreas tales como a correcta xestión dos residuos urbanos, a economía circular e a educación ambiental.

Como vén sendo habitual, a actividade estará titorizada por dous técnicos de Sogama, que serán os encargados de organizar os contidos, guiar aos participantes, abordar novas de actualidade vinculadas ao curso e solventar dúbidas.

Desde o inicio da pandemia, a compañía reforzou a formación en liña con distintos recursos didácticos a fin de dar continuidade, coas maiores garantías, ao seu labor educativo e pedagóxico.

Saúdos, Departamento de Comunicación

23 Feb 2021

Galería