Idiomas

Coa entrega de novos composteiros, 300 familias de Coristanco autoxestionan a súa materia orgánica

Print this pagePrint this pagePrint this page
  • Trátase dunha práctica que está a funcionar de forma exitosa e que, ademais, ten un efecto simpatía que se vai estendendo aos poucos entre a veciñanza, achegando grandes beneficios.
  • Os novos participantes tamén recibirán unha partida de 100 cubos marróns domiciliarios para transportar os restos orgánicos desde a vivenda ao composteiro, que debe colocarse no exterior da mesma, posibilitando que o proceso resulte máis cómodo.

Cerceda, a 21 de xaneiro de 2022.- Sogama subministra unha nova partida de 100 composteiros domésticos ao  Concello de Coristanco (A Coruña) que, sumada a entregas anteriores, fan un total de 300 as familias que  autoxestionan a materia orgánica. Unha práctica que está a funcionar de forma exitosa, que achega grandes beneficios, tanto ambientais como económicos e sociais, e que ten un efecto simpatía que se vai estendendo aos poucos entre a veciñanza.

A función dos composteiros, con capacidade para 400 litros e fabricados con materiais reciclados e reciclables, é posibilitar a fermentación controlada dos restos orgánicos para a súa transformación en compost, un abono natural con excelentes propiedades fertilizantes para o solo e que se vén aplicando na agricultura e a xardinería.

Así mesmo, Sogama achegará 100 cubos marróns domiciliarios, con capacidade para 10 litros, para que os participantes poidan transportar de forma cómoda a súa materia orgánica ao  composteiros, que en todo caso debe estar colocado no exterior da vivenda, nunha zona protexida e en contacto directo coa terra para facilitar a entrada dos organismos  descomponedores.

FORMACIÓN

Os usuarios recibirán tamén manuais didácticos nos que se describe a técnica a desenvolvere detállanse as pautas  seguir para a obtención dun compost de alta calidade que cumpra con todos os requisitos esixidos pola normativa vixente.

Dado que o 42% da composición media dunha bolsa de lixo tipo é materia orgánica, se esta se recupera en orixe, evítase o seu depósito no contedor verde da fracción resto, diminuíndo desta forma a cantidade de residuos remitidos a Sogama para o seu tratamento final e, por suposto, o importe da correspondente factura.

Igualmente, Sogama ofreceu ao Concello a posibilidade de levar a cabo un novo curso de formación orientado ao cento de veciños que, en breve, se adentrarán nesta iniciativa. Ata o de agora, os técnicos da empresa pública impartiron 5 sesións formativas no Edificio Multiusos.

Persoal do Concello debe encargarse de facer o seguimento do programa para avaliar a súa acollida entre a poboación e comprobar se a operativa está a aplicarse correctamente.

A día de hoxe, Sogama repartiu, de forma gratuíta, máis de 18.000 composteiros en toda Galicia. Deste total, 5.057 distribuíronse na provincia da Coruña.

Saúdos, Departamento de Comunicación

21 Xan 2022

Galería