SOGAMA en Facebook
SOGAMA en Instagram
SOGAMA en Twitter
SOGAMA en Vimeo
SOGAMA en Linkedin
SOGAMA

Idiomas

A compostaxe doméstica chega a 324 familias da localidade pontevedresa de Mos

Print this pagePrint this pagePrint this page
  • Sogama subministará ao Concello 50 novos composteiros, que serán distribuídos entre outras tantas vivendas unifamiliares que conten con terreo no que aplicar o abono resultante. 
  • Con isto, o ente local pretende alcanzar distintos beneficios ambientais, económicos e sociais.
  • Á súa vez, os veciños participantes recuperan unha práctica tradicional no rural galego, pero dunha forma máis cómoda e hixiénica.

Cerceda, a 16 de outubro de 2020.- Se recentemente era o Concello pontevedrés de Tui quen ampliaba o seu programa de compostaxe doméstica coa entrega de medio cento de composteiros noutras tantas vivendas unifamiliares, agora será Mos quen faga o propio tras solicitar a colaboración de Sogama nesta iniciativa, que estenderá a 50 novos fogares. En todo caso, esíxese que conten con terreo (horta, xardín ou terras de cultivo) no que aplicar o compost resultante.

Os composteiros, cedidos de forma gratuita por Sogama, contan con capacidade para 390 litros e están fabricados con materiais reciclados e reciclables. Con esta nova partida, e tendo en conta subministracións anteriores, son xa 324 as familias de Mos que xestionan en orixe os seus residuos orgánicos e póñennos en valor mediante a súa transformación en compost, un abono natural que regresa á terra e que completa o ciclo de reciclaxe da materia orgánica, aportando nutrientes ao solo e protexéndoo fronte a posibles pragas e enfermidades.

Este proceso trae consigo importantes beneficios ambientais. Tendo en conta que a materia orgánica representa en torno ao 42% do contido dunha bolsa de lixo tipo, se se recupera in situ, evítase o seu depósito no contedor verde convencional. Con isto, o Concello podería diminuír a frecuencia de recollida e transporte e, polo tanto, minorar emisións de CO2 á atmosfera, coa particularidade de que entregarán menos residuos a Sogama, coa conseguinte redución no importe da factura a abonar a esta empresa pública. Así mesmo, os usuarios obteñen un compost de alta calidade e evitan a adquisición de fertilizantes artificiais.

Desde o punto de vista social, recupérase unha práctica que forma parte do acervo cultural no medio rural, e que non é outra que a segregación da materia orgánica para a elaboración de compost e/ou alimento do gando. Dáse continuidade a esta operativa, pero dunha forma máis cómoda e hixiénica ao dispoñer dun recipiente específico.

Sogama xa distribuíu de forma gratuita máis de 14.300 composteiros entre 353 entidades galegas (201 concellos, 130 centros educativos e 22 colectivos sociais).

Os interesados poden complementar os seus coñecementos e acceder a diversos recursos didácticos, divulgativos e lúdicos a través do sitio web www.compostaconsogama.gal

Saúdos, Departamento de Comunicación

16 Out 2020

Galería