Idiomas

Domínguez e Juncal rubrican o convenio que rexerá a xestión da planta de transferencia do Morrazo

Print this pagePrint this pagePrint this page
  • O acto de firma, que contou coa asistencia do xefe territorial de Medio Ambiente, José Manuel González, ten lugar despois de que a Mancomunidade saldase a débeda contraída con Sogama (8 M€) e de que o Consello da Xunta aprobase o acordo, mediante o cal a empresa achegará ao ente supramunicipal 543.000 €
  • Dado que a planta do Morrazo atópase baixo a titularidade da Mancomunidade e de que o canon unitario de Sogama contempla a transferencia, ademais do transporte e tratamento final dos residuos, o desembolso económico da compañía concíbese como unha medida de compensación
  • Igualmente, a través deste convenio dáse cumprimento a un dos obxectivos da Lei 6/2021, do 17 de febreiro, de Residuos e Solos Contaminados de Galicia, que é impulsar a cooperación coas entidades locais en aras dun mellor resultado ambiental e a máxima eficiencia no uso de recursos públicos

Cerceda, a 28 de xullo de 2022.- O presidente executivo de Sogama, Javier Domínguez, e o presidente da Mancomunidade do Morrazo, Félix Juncal, rubricaron esta mañá, na sede da primeira, o convenio que rexerá a xestión da planta de transferencia do Morrazo, que dá servizo aos Concellos de Cangas, Bueu e Moaña, a fin de facela máis sostible.

O acto de firma, ao que asistiu o xefe territorial de Medio Ambiente da Delegación da Xunta en Pontevedra, José Manuel González, ten lugar despois de que a Mancomunidade saldase a débeda contraída con Sogama, que ascendía a uns 8 millóns de euros, e de que o Consello da Xunta, na reunión celebrada o pasado 14 de xullo, aprobase este acordo, mediante o cal a Sociedade Galega do Medio Ambiente achegará ao ente supramunicipal unha dotación económica de 543.000 euros (IVE incluído) para un período de catro anos.

Este desembolso enmárcase no canon unitario que Sogama aplica a todos os concellos adheridos ao seu sistema (294 en total) e que aglutina tres conceptos: a xestión das plantas de transferencia, o transporte e o tratamento final dos residuos urbanos no Complexo Medioambiental de Cerceda (A Coruña).

MAIOR EFICIENCIA CO MENOR GASTO

Tendo en conta que a planta do Morrazo atópase baixo a titularidade da Mancomunidade e que esta asume os custos da súa xestión, a achega de Sogama pretende servir como mecanismo de compensación, propiciando que a instalación gañe en eficiencia, pero co menor gasto posible.

Igualmente, a través deste convenio dáse cumprimento a un dos obxectivos da Lei 6/2021, do 17 de febreiro, de Residuos e Solos Contaminados de Galicia, que é promover a maior cooperación coas entidades locais a fin de lograr o mellor resultado ambiental global no tratamento dos refugallos e a máxima eficiencia no uso de recursos públicos.

A integración da planta de transferencia do Morrazo na rede industrial de Sogama favorece tamén aos intereses desta compañía, xa que evita, non só os custos que trae consigo a construción dunha nova infraestrutura destas características, senón tamén os vinculados á xestión e mantemento da mesma.

Dado que as plantas de transferencia, para garantir a súa correcta operativa, deben cumprir uns determinados requisitos técnicos, a Mancomunidade viuse abocada a materializar unha serie de melloras na instalación para que poida desempeñar, con total solvencia e garantías, a función asignada.

BENEFICIOS AMBIENTAIS E ECONÓMICOS

Cabe lembrar que as plantas de transferencia serven como nódulo de transvasamento dos residuos desde os camións de recollida domiciliaria a contedores de gran capacidade (43 metros cúbicos), aptos para ser transportados en longas distancias de forma segura e respectuosa coa contorna e a saúde.

A Mancomunidade cederá en uso a Sogama os contedores da planta de transferencia, que deberán estar homologados para o seu transporte por estrada ou ferrocarril, asumindo a empresa pública o seu mantemento.

Se ben as plantas de transferencia traen consigo importantes beneficios ambientais para os concellos ao reducir o transporte de residuos ata Cerceda, diminuíndo desta forma o tráfico pesado e as conseguintes emisións de CO2 á atmosfera, a integración da planta do Morrazo na infraestrutura de Sogama tamén favorece aos intereses da compañía, xa que evita a construción dunha nova instalación, así como os custos de xestión e mantemento inherentes á mesma.

Saúdos, Departamento de Comunicación

28 Xul 2022

Galería