Idiomas

Ellen MacArthur, Premio Princesa de Asturias de Cooperación Internacional 2022

Print this pagePrint this pagePrint this page
  • Esta emprendedora social británica é todo un referente na loita para unha mellor utilización dos recursos naturais e por acelerar a transición cara á chamada economía circular
  • Traballa coa Fundación que leva o seu nome para cambiar a actual paradigma de produción e consumo mediante un aproveitamento dos recursos baseado na redución, a reutilización e a reciclaxe de materiais de forma sostible
  • Regatista profesional, en 2005 fixo historia ao completar a volta ao mundo en solitario máis rápida feita por ningún navegante

Cerceda, a 22 de xuño de 2022.- A emprendedora social británica Ellen MacArthur foi recoñecida co Premio Princesa de Asturias de Cooperación Internacional 2022 por ser un referente na loita para unha mellor utilización dos recursos naturais e por acelerar a transición cara á chamada economía circular.

MacArthur traballa coa Fundación que leva o seu nome para cambiar a actual paradigma de produción e consumo mediante un aproveitamento dos recursos baseado na redución, a reutilización e a reciclaxe de materiais de forma sostible. A súa capacidade de promover alianzas con gobernos, empresas, institucións científicas e sociedade civil contribuíu a forxar o primeiro gran acordo internacional que será xuridicamente vinculante contra a contaminación por plásticos.

O Xurado valorou, ademais, o seu traballo para fomentar un cambio na cultura de produción e consumo responsable na industria téxtil, entre outros dos seus grandes compromisos.

Trala concesión deste Premio, Ellen MacArthur manifestou que “É unha gran honra ser galardoada co Premio Princesa de Asturias de Cooperación Internacional 2022. Ante desafíos globais como o cambio climático e a perda de biodiversidade, o traballo da Fundación Ellen MacArthur para acelerar a transición cara a unha economía circular rexenerativa, na que eliminar os residuos e a contaminación, facer circular produtos e materiais e rexenerar a natureza, nunca foi máis vital. Estou encantada de ver que o premio recoñece este feito, e síntome honrada de unirme ao elenco de distinguidos galardoados anteriores”.

A Fundación Ellen MacArthur centra o seu labor en catro ámbitos principais de investigación e participación: alimentos, nova economía do plástico, nova economía téxtil e a loita fronte ao cambio climático para a redución da emisión de gases de efecto invernadoiro e outros elementos contaminantes. Así mesmo, ofrece unha serie de recursos informativos e plataformas educativas, organiza encontros e actividades de divulgación e formación para difundir as súas ideas e obxectivos, e publica informes e programas, dispoñibles de forma gratuíta.

En 2020 políticos, directivos e outras personalidades uníronse ao seu chamamento para promover unha recuperación económica logo da crise provocada pola pandemia da COVID-19 a través dun uso responsable dos recursos e a economía circular.

TRAXECTORIA

Ellen Patricia MacArthur naceu en Whatstandwell (Derbyshire, Inglaterra), en 1976. Regatista profesional, en 2005 fixo historia ao completar a volta ao mundo en solitario máis rápida feita por ningún navegante. En 2003 fundou a Ellen MacArthur Cancer Trust, que axuda a mozos enfermos de cancro a superar os seus problemas a través da navegación e, en 2010, creou a Fundación Ellen MacArthur, organización sen ánimo de lucro que ten como obxectivo cambiar os hábitos de produción e consumo da economía mundial.

Fonte e imaxe: Fundación Princesa de Asturias

22 Xuñ 2022

Galería