Idiomas

ESGRA, a Asociación para a Xestión de Residuos en Portugal, interésase polo sistema Sogama

Print this pagePrint this pagePrint this page
  • Os vicepresidentes desta organización, Cátia Borges e Carlos de Andrade Botelho, foron recibidos e atendidos polo presidente de Sogama, Javier Domínguez, con quen tiveron a oportunidade de intercambiar coñecementos e experiencias na materia
  • No transcurso da xuntanza, tamén abordaron outras cuestións vinculadas á innovación tecnolóxica ambiental, a dixitalización, a eficiencia e a loita contra o cambio climático a través da xestión sostible dos residuos municipais
  • Como colofón, o grupo efectuou un percorrido guiado polas distintas plantas que conforman o Complexo Medioambiental de Cerceda

Cerceda, a 2 de decembro de 2022.- Os vicepresidentes de ESGRA (Asociación para a Xestión de Residuos en Portugal), con sede en Lisboa, Cátia Borges e Carlos de Andrade Botelho, visitaron esta mañá o Complexo Medioambiental de Sogama en Cerceda (A Coruña) para coñecer con detalle a súa actividade industrial, así coma o ámbito xeográfico e social no que  esta empresa pública leva a cabo o seu labor, que actualmente da servizo a 295 concellos (máis de 2,2 millóns de habitantes).

INTERCAMBIO DE EXPERIENCIAS E COÑECEMENTOS

Os representantes de ESGRA tiveron un encontro co presidente executivo de Sogama, Javier Domínguez, quen lles explicou o marco no que se xestou esta empresa pública, a súa permanente evolución ao longo dos seus 30 anos de vida, os principais fitos da súa traxectoria, así coma os proxectos actuais e de futuro, que estarán protagonizados en gran medida pola valorización da materia orgánica mediante a súa transformación en compost, configurando para isto unha rede de infraestruturas.

Esta rede, deseñada pola Xunta e cuxa execución corre a cargo de Sogama, contempla a construción de 3 novas plantas de biorresiduos, que se sumarán á que xa está operativa en Cerceda, e a adaptación de 13 plantas de transferencia que participarán no proceso transvasando a materia orgánica recollida de forma diferenciada nos municipios a través do contedor marrón. Con isto, a entidade propiciará que a meirande parte dos concellos adheridos ao seu sistema  dispoñan dunha planta de biorresiduos ou de transferencia a menos de 50 quilómetros.

No transcurso da xutanza abordáronse outras cuestións vinculadas á innovación tecnolóxica ambiental, a dixitalización, a eficiencia e a loita contra o cambio climático a través da correcta xestión dos residuos municipais. Así mesmo, abordaron as posibilidades da compostaxe e as bondades ambientais, económicas e sociais que trae consigo a autoxestión da materia orgánica en vivendas unifamiliares con terreo.

Tamén falaron da gran importancia que ten a educación ambiental da poboación, o maior esforzo que debe investirse en campañas de información e formación e, sobre todo, nas de concienciación cidadá, xa que unicamente desde a responsabilidade compartida poderá avanzarse cara a unha xestión máis intelixente dos refugallos.

Finalizada a reunión na que ambas as dúas partes tiveron a oportunidade de intercambiar coñecementos, experiencias e boas prácticas, os vicepresidentes de ESGRA, acompañados por persoal da área Técnica de Sogama, efectuaron un percorrido polas distintas plantas que conforman o Complexo cercedense, onde se separan os residuos por tipoloxías para propiciar o seu posterior reciclado, sometendo a valorización enerxética a parte non reciclable. De feito, Sogama xera o equivalente ao consumo enerxético do 12% dos fogares galegos.

Domínguez Lino puxo de relevo a importancia deste tipo de encontros co país veciño, “co que nos unen estreitos lazos culturais, xeográficos e, por suposto, ambientais, sendo a xestión sostible dos residuos municipais un ingrediente de peso para a protección ambiental, así como para a xeración de riqueza e emprego”.

SOBRE ESGRA

ESGRA é unha asociación privada sen ánimo de lucro cuxa misión se orienta a promover os intereses dos seus membros no campo da xestión e tratamento de residuos, así como o seu desenvolvemento estratéxico, estendendo as súas competencias ao ámbito da investigación na conservación dos recursos.

Actualmente, esta asociación representa a 16 entidades, 14 das cales son Sistemas de Xestión de Residuos Urbanos (SGRU), no territorio peninsular e nas Rexións Autónomas de Azores e Madeira.

Saúdos, Departamento de Comunicación

2 Dec 2022

Galería