Idiomas

Europa quere reducir os residuos de envases nun 15% de aquí a 2040

Print this pagePrint this pagePrint this page
  • Os residuos de envases na UE incrementáronse en máis dun 20 % nos dez últimos anos e, se non se toman medidas, prevese que aumenten outro 19 % de aquí a 2030
  • Coas novas normas preténdese poñer fin a esta tendencia, limitando o envase excesivo e proporcionando claridade ás etiquetas a fin de propiciar o seu correcto reciclado
  • Para a industria, crearanse novas oportunidades de negocio, diminuirán as necesidades de materiais virxes, estimularase a capacidade de reciclaxe de Europa e reducirase a súa dependencia de recursos primarios. É dicir, situarase ao sector do envasado na senda cara á neutralidade climática en 2050

Cerceda, a 1 de decembro de 2022.- Resulta evidente que os produtos deben envasarse para protexerse e transportarse de forma segura, pero os envases e os seus residuos teñen un impacto considerable no medio ambiente e o uso de materiais virxes. A cantidade de residuos de envases está a aumentar, frecuentemente a un ritmo máis rápido que o PIB. De feito, incrementáronse na UE en máis dun 20% nos dez últimos anos e prevese que, de non tomar medidas, aumenten outro 19% de aquí a 2030, e, no caso dos residuos de envases de plástico, incluso un 46%.

Coas novas normas preténdese poñer fin a esta tendencia, limitando o envase excesivo e proporcionando claridade ás etiquetas a fin de propiciar unha reciclaxe correcta. Ademais, permitirán que os consumidores poidan contar con opcións de envases reutilizables e se poña fin ao envasado innecesario.

Para a industria, crearanse novas oportunidades de negocio, especialmente para as empresas máis pequenas, diminuirán as necesidades de materiais virxes, estimularase a capacidade de reciclaxe de Europa e reducirase a súa dependencia de recursos primarios e de provedores exteriores. É dicir, situarase ao sector do envasado na senda cara á neutralidade climática en 2050.

As propostas son piares fundamentais do Plan de Acción para a Economía Circular do Pacto Verde Europeo e do seu obxectivo de converter os produtos sostibles na norma. Tamén responden a peticións concretas dos europeos expresadas na Conferencia sobre o Futuro de Europa.

QUE TODOS OS ENVASES SEXAN RECICLABLES DE AQUÍ A 2030

A proposta de revisión da lexislación da UE sobre os envases e residuos de envases articúlase ao redor de tres obxectivos principais:

  1. Previr a xeración de residuos de envases: reducir a súa cantidade, restrinxir o envasado innecesario e fomentar os envases reutilizables e reenchibles.
  2. Impulsar a reciclaxe de alta calidade («circuíto pechado»), facendo que todos os envases do mercado da UE sexan reciclables de maneira economicamente viable de aquí a 2030.
  3. Reducir as necesidades de recursos naturais primarios e crear un mercado de materias primas secundarias que funcione correctamente, aumentando o uso de plásticos reciclados nos envases mediante obxectivos obrigatorios.

O obxectivo principal consiste en reducir os residuos de envases nun 15% de aquí a 2040, por persoa e por Estado membro, en comparación coas cifras de 2018.

Para fomentar a reutilización ou o reenchido de envases, as empresas terán que ofrecer aos consumidores unha determinada porcentaxe dos seus produtos en envases reutilizables ou reenchibles. Tamén haberá certa normalización dos formatos de envasado e unha etiquetaxe clara dos envases reutilizables.

Para enfrontar con claridade o envasado innecesario, prohibiranse determinadas formas de envasado, tales como os envases dun só uso para os alimentos e bebidas consumidos en restaurantes e cafés,  para froitas e hortalizas, as botellas miniatura de champú e outros envases miniatura nos hoteis. 

Contémplase a fixación de criterios de deseño para os envases, a creación de sistemas obrigatorios de depósito e devolución para botellas de plástico e latas de aluminio, e a aclaración de cales son os tipos moi limitados de envases que deberán ser compostables, para que os consumidores poidan depositalos nos contedores destinados aos biorresiduos.

Tamén haberá índices obrigatorios de contido reciclado que os produtores deberán incluír nos novos envases de plástico. Isto contribuirá a converter o plástico reciclado nunha materia prima valiosa.

A proposta despexará a confusión sobre o contedor de reciclaxe que debe utilizarse para cada tipo de envase. Cada envase levará unha etiqueta na que se indicará de que está composto e a que fluxo de residuos pertence. Os contedores de recollida de residuos levarán as mesmas etiquetas e utilizaranse os mesmos símbolos en toda a UE.

De aquí a 2030, as medidas propostas permitirían reducir a 43 millóns de toneladas as emisións de gases de efecto invernadoiro derivadas dos envases, fronte aos 66 millóns de toneladas que se xerarían se non se modifica a lexislación, unha redución que equivale ás emisións anuais de Croacia. O consumo de auga diminuiría en 1,1 millóns de m3. Os custos dos danos ambientais para a economía e a sociedade experimentarían unha redución de 6.400 millóns de euros con respecto á base de referencia de 2030.

As industrias dos envases dun só uso terán que investir na correspondente transición, pero os efectos globais na UE en termos económicos e de creación de emprego son positivos. Agárdase que o fomento da reutilización por si só xere máis de 600 000 postos de traballo no sector da reutilización de aquí a 2030, moitos deles en pequenas e medidas empresas locais.

PLÁSTICOS DE ORIXE BIOLÓXICA, BIODEGRADABLES E COMPOSTABLES

O uso e a produción de plásticos de orixe biolóxica, biodegradables e compostables experimentou un constante aumento, pero deben cumprirse unha serie de condicións para que estes plásticos teñan efectos ambientais positivos.

O novo marco da Comisión aclara de que maneira estes plásticos poden integrarse nun futuro sostible. Preténdese así determinar as aplicacións nas cales eses plásticos son realmente beneficiosos desde o punto de vista ambiental e a maneira en que deben deseñarse, eliminarse e reciclarse.

A proposta relativa aos envases e residuos de envases será examinada agora polo Parlamento Europeo e o Consello, segundo o procedemento lexislativo ordinario.

Fonte: Comisión Europea

Imaxe: Pixabay

1 Dec 2022

Galería