Idiomas

Fene, coa colaboración de Sogama, amplía a autocompostaxe a 30 novos fogares

Print this pagePrint this pagePrint this page
  • Desta forma, xa son 60 as familias do municipio adscritas a esta iniciativa, que trae consigo importantes beneficios ambientais, económicos e sociais.
  • Ademais da dotación dos 30 composteiros, a empresa pública tamén enviou ao ente local outros tantos cubos domiciliarios, así como manuais didácticos de apoio.
  • Igualmente, está ao dispor do Concello para impartir, a cargo dos seus técnicos, un novo curso de formación orientado aos participantes no que estes tamén terán a oportunidade de consultar as súas dúbidas.

Cerceda, a 27 de xaneiro de 2022.- Tras a súa adhesión, en abril do pasado ano, ao programa de compostaxe doméstica liderado por Sogama en Galicia, tendo incorporado inicialmente ao mesmo 30 vivendas unifamiliares con terreo, o  Concello de Fene volve a dar un paso adiante na súa firme aposta pola  autoxestión da materia orgánica, ampliándoa a novas familias. Serán outras 30 as que se sumen á mesma, facendo un total de 60 os fogares do municipio que, de forma voluntaria, participan neste proxecto, con importantes beneficios ambientais, económicos e sociais.

Sogama seguirá colaborando co  Concello, a quen xa entregou outra nova partida de 30 composteiros (con capacidade para 400 litros e fabricados con materiais reciclados e reciclables), así como outros tantos cubos marróns domiciliarios, que os usuarios utilizarán para transportar a materia orgánica desde as súas cociñas ata o composteiro doméstico, que debe ser colocado no exterior da vivenda e en contacto directo coa terra para facilitar a entrada dos microorganismos  descompoñedores.

MEDIOS E SEGUIMENTO

Xunto cos medios materiais (composteiros e cubos), a  Sociedade  Galega  do Medio Ambiente achegará tamén unidades didácticas de apoio para que os veciños poidan tomar boa nota da técnica a seguir, distinguindo o que debe e non debe depositarse no composteiro e, moi importante, controlando parámetros de gran importancia para obter un compost natural de alta calidade como son o osíxeno, a temperatura e a humidade.

O obxectivo é garantir que o abono resultante poida ser aplicado na agricultura e a xardinería con garantías e sen restricións.

Así mesmo, Sogama ponse ao dispor do  Concello para impartir o segundo curso de formación (o anterior celebrouse en xullo de 2021), que estará orientado aos  novos participantes, e no que técnicos ao servizo desta empresa pública explicarán os detalles e fases do proceso de  autocompostaxe. Ao mesmo tempo, os asistentes  terán a oportunidade de consultar dúbidas e mesmo de trasladar os seus comentarios e impresións sobre o programa, que permitirá unha práctica tradicional no rural galego como é a segregación dos restos orgánicos para alimento do gando e/ou elaboración de compost.

O seguimento correrá a cargo do persoal do Concello, quen deberá entregar un informe a Sogama transcorrido 1 ano.

MÁIS DE 18.000 COMPOSTEIROS DISTRIBUIDOS

A día de hoxe, son 428 as entidades adscritas ao programa de compostaxe doméstica promovido por Sogama. Deste total, 222 son  concellos, 177 son centros educativos e 29 son colectivos sociais. Entre todas elas, a compañía repartiu, de forma gratuíta, máis de 18.000 composteiros.

Saúdos, Departamento de Comunicación

27 Xan 2022

Galería