Idiomas

Na noite de San Xoán, os residuos non se esfuman

Print this pagePrint this pagePrint this page
  • Artigo de Javier Domínguez con motivo da acumulación de lixo, durante a noite de San Xoán, en arenais, parques, prazas e rúas

Cerceda, a 23 de xuño de 2022.-A noite máis curta e máxica do ano agárdanos dentro dunhas horas e promete ter boa acollida, especialmente tras dous anos de pandemia nos que moitas festas e reunións frustráronse por razóns sobradamente coñecidas e xustificadas.

Sardiñas para degustar e fogueiras para espantar as meigas constitúen dous dos ingredientes habituais nunha celebración á que se suma boa parte da poboación co propósito de gozar: uns, na praia e no campo, e outros, nos parques e nas prazas. En moitos casos, improvísanse puntos de encontro que, noutras datas, estarían desertos, pero os multitudinarios aforos requiren de grandes espazos físicos para a música, o baile e a cea. Tomamos as rúas en busca de diversión.

Con todo, e máis aló de poñer a proba a nosa capacidade de resistencia física nunha data tan sinalada no calendario, hai unha lamentable estampa que se repite cada ano a madrugada do 24 de xuño: os centos e centos de toneladas de lixo abandonado neses lugares que foron testemuñas dun comportamento humano insensato.

Areais asediados de lixo, litorais afogados en plásticos, rúas sucias e malolientas constitúen elementos que protagonizan as instantáneas do día seguinte e que son froito do deixamento, a irresponsabilidade e a insolidariedade.

O abandono de residuos é, por riba de todo, unha conduta incívica que atenta contra o medio ambiente, contra o benestar dos cidadáns e contra a biodiversidade, pero tamén contra as arcas da Administración, polo maior custo que xera as tarefas de limpeza e desinfección adicionais, e contra profesionais como son aqueles que traballan para que os nosos municipios luzan limpos e sans, e que deben duplicar ou mesmo triplicar a súa tarefa.

Fagamos as paces con esta celebración e esixámonos consumir de forma responsable, evitar a adquisición de produtos de usar e tirar, optar por cubertos e vaixelas reutilizables, descartar o plástico, apostar por alimentos frescos, locais e de tempada, así como recoller o noso lixo e clasificalo por materiais, depositando cada refugallo no contedor correspondente para propiciar a súa reciclaxe.

Demos unha lección de sustentabilidade. Porque, na noite de San Xoán, ao contrario que as meigas, os residuos non se esfuman, pero si se acumulan.

Presidente

Javier Domínguez Lino

23 Xuñ 2022

Galería