Idiomas

O grupo de Medio Ambiente de Aeversu reúnese en Sogama para poñer en común o labor de cada planta

Print this pagePrint this pagePrint this page
  • O compromiso de mellora continua por parte das instalacións adscritas a esta Asociación lévaas a manter un constante intercambio de coñecementos orientado a incrementar os seus niveis de eficiencia e a reducir, aínda máis, os seus niveis de emisión, situados moi por baixo dos límites legais
  • O presidente de Sogama, Javier Domínguez, acompañado pola nova directora xeral, Mirta Sueiro, animou aos integrantes do grupo a seguir indagando nas mellores tecnoloxías para que estas infraestruturas manteñan os seus estándares de excelencia

Cerceda, a 17 de novembro de 2022.- O grupo de Medio Ambiente de Aeversu (Asociación Española de Empresas de Valorización Enerxética de Residuos Urbanos) no que están representados membros dos departamentos técnicos das distintas plantas adscritas a esta organización, reuniuse esta semana nas dependencias de Sogama, en Cerceda, para poñer en común as melloras introducidas por cada instalación a nivel ambiental co fin de reducir, aínda máis, os seus niveis de emisión, situados xa moi por debaixo dos límites legais.

Pedro Alcázar Arévalo, xefe de Control Técnico e Económico, Calidade e Medio Ambiente de Sogama, foi o encargado de organizar e coordinar este encontro, que tivo unha duración de dous días, dedicando unha das xornadas a visitar as distintas instalacións que conforman o Complexo Medioambiental de Cerceda, polas que discorre a xestión de dúas das fraccións de residuos que se atopan baixo a competencia de Sogama, isto é, bolsa amarela (envases de plástico, latas e briks depositados no contedor amarelo), que a empresa separa mecanicamente por tipos de material nunha planta de clasificación para ser remitidos aos centros recicladores; e bolsa negra (fracción resto introducida no contedor convencional), da que segrega a parte reciclable, derivándoa á industria transformadora para a súa conversión en novas materias primas, sometendo a non reciclable a valorización enerxética.

Actualmente, e segundo datos de Aeversu, as 12 plantas WtE adscritas a esta asociación tratan, de media, 2.300.000 t/ano de residuos non reciclables e producen ao redor de 1.600.000 MWh de enerxía. Pola súa banda, a Sociedade Galega do Medio Ambiente xera a electricidade equivalente ao consumo enerxético do 12% dos fogares galegos.

Así mesmo, a Asociación asegura que, se os residuos que se enterran en vertedoiro en España (11,8 millóns de toneladas- 53,4% dos RU xerados-, sendo responsables do 4% das emisións GEI -Gases de Efecto Invernadoiro-), se valorizasen enerxeticamente, cubriríanse as necesidades enerxéticas de 2,25 millóns de fogares, é dicir, o consumo de 5,5 millóns de persoas.

MELLORA CONTINUA E FIRME COMPROMISO AMBIENTAL

Do mesmo xeito que fixera co grupo de Operación e Mantemento de Aeversu, que se reuniu en Sogama a principios do pasado mes de outubro, o presidente desta empresa pública, Javier Domínguez, acompañado nesta ocasión pola nova directora xeral, Mirta Sueiro, tivo un breve encontro cos integrantes do grupo de Medio Ambiente para animalos a seguir indagando nas mellores tecnoloxías e nos mellores procedementos para que as plantas de valorización enerxética, que nestes momentos son as infraestruturas máis vixiadas medioambientalmente e sobre as que pesa unha rigorosa lexislación, (moito máis estrita que a que rexe para outras industrias), sigan mantendo os seus estándares de excelencia e continúen avanzando na procura de novas ferramentas de control ambiental.

Forman parte de Aeversu, ademais de Sogama, as seguintes plantas de valorización enerxética: Tersa (Sant Adriá de Besós, en Barcelona), Trargisa (Xirona), UTE TEM (Mataró), Sirusa (Tarragona); Tirme (Mallorca); Zabalgarbi (Bilbao); Remesa (Melilla); TirCantabria (Cantabria); Ekondakin Enerxía e Medio Ambiente (Gipuzkoa) e CTRASA (Andorra).

Saúdos, Departamento de Comunicación

17 Nov 2022

Galería