Idiomas

O IES Xograr Afonso Gómez de Sarria, premiado por fomentar a sostibilidade no centro

Print this pagePrint this pagePrint this page
  • O instituto proclamouse vencedor nun concurso promovido por Ecovidrio para fomentar a sostibilidade nos centros educativos
  • O centro presentou ante o Concello distintas propostas de mellora da contorna, así como de promoción da mobilidade sostible coa creación dun carril bici
  • Como premio, valorado en 4.000 euros, o IES recibiu oito bicicletas para facer préstamos ao alumnado, así como un aparcadoiro con dez prazas

Cerceda, a 13 de xullo de 2022.- O IES Xograr Afonso Gómez de Sarria (Lugo) foi distinguido cun novo premio polo seu compromiso ambiental. Nesta ocasión proclamouse gañador, a nivel autonómico, dun concurso promovido por Ecovidrio para fomentar a sostibilidade nos centros de ensino e no que se inscribiron un cento de colexios galegos. Esta convocatoria tamén se levou a cabo en Andalucía e Madrid, sumando un total de 478 centros participantes, que acollen a 275.000 estudantes.

O instituto sarrián presentou ante o Concello distintas propostas de mellora da contorna, así como de promoción da mobilidade sostible coa creación dun carril bici.

Así mesmo, o alumnado desenvolveu numerosas actividades ambientais, entre as que cabería destacar a realización dunha análise da contaminación por plásticos no río, a elaboración de xabón con aceite caducado procedente dun supermercado local, o reparto de lambetadas (“truco-trato”) nos recreos a cambio de tapóns de plástico, que destinou a causas solidarias, enquisas para promover o aforro de auga nos fogares, o impulso do consumo de produtos de quilómetro cero, a colaboración na limpeza do centro, a recollida de lixo en contornas naturais, a recollida de auga de choiva para regar as árbores, a elaboración de paralelogramos con xornais  e estudo de figuras xeométricas cos mesmos, así como a montaxe de diferentes presentacións coas que dar a coñecer os efectos da elevada xeración de residuos.

Tamén crearon un rap pola sostibilidade e conmemoraron o día sen ascensores facendo cálculos de consumo calórico e de aforro enerxético.

A toda esta lista de tarefas sumouse o tradicional concurso de “Aulas Limpas” coa colaboración do persoal de limpeza do centro e a difusión e  publicidade dada aos retos desde o programa de radio escolar, “Radio Xograr”.

Como premio, valorado en 4.000 euros, o instituto recibiu oito bicicletas para facer préstamos ao alumnado (catro de adultos e catro para adolescentes de 12 anos) e un aparcadoiro con dez prazas.

O Xograr acumula xa un bo número de recoñecementos, entre os cales tamén cabería destacar o distintivo “Ecovaledor”, outorgado ao centro no marco do programa radiofónico de educación ambiental “Ecovoz”, impulsado por Radio Voz Galicia e patrocinado por Sogama.

Fonte: O Progreso e IES Xograr Afonso Gómez

Saúdos, Departamento de Comunicación

13 Xul 2022

Galería