Idiomas

O Parlamento Europeo pide máis ambición social e ambiental nas novas normas sobre baterías

Print this pagePrint this pagePrint this page
  • Subliñou o papel crucial que teñen as baterías na transición cara a unha economía circular e  climaticamente neutra, e salientou a súa importancia para a competitividade e a autonomía estratéxica da UE.
  • Móstrase a favor de actualizar a lexislación e quere que esta cubra tamén unha nova categoría de “baterías para medios de transporte lixeiros” tales como patinetes e bicicletas eléctricas.

Cerceda, a 21 de marzo de 2022.- Recentemente, os eurodeputados subliñaron o papel crucial que teñen as baterías na transición cara a unha economía circular e climaticamente neutra, e salientaron a súa importancia para a competitividade e a autonomía estratéxica da UE.

Móstranse a favor de actualizar a lexislación para incorporar os avances tecnolóxicos e propoñen requisitos máis estritos en materia de sustentabilidade, rendemento e etiquetaxe, incluíndo a introdución dunha nova categoría de "baterías para 'medios de transporte lixeiros' (LMT, polas súas siglas en inglés) tales como patinetes e bicicletas eléctricas.

Tamén formulan a introdución dunha declaración e unha etiqueta que especifiquen a pegada de carbono das baterías e defenden a necesidade de garantir que, para 2024, as baterías portátiles de dispositivos coma os teléfonos intelixentes e as dos LMT estean deseñadas de tal forma que os consumidores e os operadores independentes poidan recollelas por si mesmos de forma fácil e segura.

Así mesmo, o Parlamento pide que a industria asegure que a cadea de valor das baterías cumpra plenamente coas obrigas en materia de dereitos humanos e dilixencia debida, abordando para isto os riscos en torno ao abastecemento, o procesamento e a comercialización das materias primas, que a miúdo se concentran nun ou en poucos países.

O informe tamén establece uns niveis mínimos de recuperación de cobalto, chumbo,  litio e níquel para a súa reutilización en novas baterías e uns obxectivos de recollida máis estritos para as portátiles.

DECLARACIÓN DA RELATORA SIMONA  BONAFÉ

Simona Bonafé (S&D, Italia), manifestou que: «Por primeira vez na lexislación europea, o Regulamento sobre baterías e pilas establece normas que regulan todo o ciclo de vida do produto, desde a fase de deseño ata o final da súa vida útil. Isto impulsa a circularidade das baterías e introduce novos estándares de sustentabilidade que deberán converterse nunha referencia no mercado mundial. As baterías son clave para fomentar a mobilidade sostible e para almacenar enerxía renovable. Finalmente, para alcanzar os obxectivos do Pacto Verde Europeo e atraer investimentos, os colexisladores deben adoptar rapidamente normas e prazos claros e ambiciosos».

ANTECEDENTES

En decembro de 2020, a Comisión presentou unha proposta de regulamento sobre pilas e baterías que ten por obxectivo reforzar o funcionamento do mercado interior, promovendo unha economía circular e reducindo o impacto ambiental e social das baterías en todo o seu ciclo de vida.

A iniciativa está estreitamente relacionada co Pacto Verde Europeo, o Plan de Acción de Economía Circular e a Nova Estratexia Industrial.

Fonte: Parlamento Europeo

Imaxe: Pixabay

21 Mar 2022

Galería