Idiomas

Os escolares do IES Eduardo Pondal de Ponteceso implícanse na autocompostaxe

Print this pagePrint this pagePrint this page
  • Foron instruídos esta mañá por técnicos de Sogama a fin de que coñecesen de forma pormenorizada o proceso de fermentación da materia orgánica, así como o control e seguimento que deben realizar sobre o mesmo para obter un compost de alta calidade.
  • Os educadores incidiron na responsabilidade cidadá a través do principio dos 3R, á vez que explicaron a actividade de Sogama.
  • Voltarán a este centro o próximo 13 de decembro para formar ao alumnado de 2º de ESO.

Cerceda, a 23 de novembro de 2021.-  Escolares de 1º de ESO do IES Eduardo Pondal de Ponteceso (A Coruña) foron instruídos esta mañá por técnicos de Sogama na  autocompostaxe a fin de que coñecesen de forma pormenorizada o proceso de fermentación da materia orgánica, así como o control e seguimento que deben realizar sobre o mesmo o obxectivo de obter un compost de alta calidade que cumpra con todos os requisitos esixidos na normativa vixente para ser aplicado con garantías na agricultura e xardinería.

Así mesmo, explicaron aos estudantes a necesidade de adoptar determinados xestos ambientais para contribuír á reciclaxe e, polo tanto, á posta en valor dos residuos mediante a súa conversión en novos produtos, propiciando desta forma un importante aforro de enerxía e materias primas virxes.

OS 3R, CLAVES NA SUSTENTABILIDADE

Os monitores incidiron tamén no principio europeo dos tres erres (Reducir, Reutilizar e Reciclar) como unha das principais claves para transitar desde unha economía lineal, caracterizada polas malas prácticas de usar e tirar, a unha lineal na que os residuos son convertidos en recursos. De aí a importancia de que os cidadáns actúen de forma responsable no consumo, adquirindo unicamente o necesario, que alonguen ao máximo a vida útil dos artigos e, unha vez convertidos en refugallos, que os separen en orixe por tipoloxías e os depositen nos correspondentes contedores habilitados nas vías públicas: amarelo, para envases de plástico, latas e briks; azul, para o papel e cartón;  iglú verde, para envases de vidro; e verde xenérico, para a fracción resto.

O destino dos residuos especiais ou perigosos debe ser o punto limpo municipal para que sexan entregados a xestores autorizados co fin de que reciban o tratamento axeitado.

No Complexo Medioambiental de Cerceda, unha vez separados os materiais susceptibles de ser reciclados, a parte restante convértese en enerxía eléctrica, evitando desta forma o seu vertido, a peor das opcións debido ao seu negativo impacto sobre o medio ambiente e a saúde.

Como colofón da sesión formativa, os mozos puideron participar na montaxe dun composteiro subministrado por Sogama e cuxo compost utilizarán na horta do recinto escolar.

O Concello de Ponteceso está adscrito ao programa de compostaxe doméstica de Sogama cun total de 130 vivendas unifamiliares.

Os educadores volverán a este centro o próximo 13 de decembro. Nesta ocasión, a sesión estará dirixida ao alumnado de 2º de ESO.

Saúdos, Departamento de Comunicación

23 Nov 2021

Galería