Idiomas

A planta de biorresiduos de Vilanova de Arousa estará culminada no terceiro trimestre de 2023

Print this pagePrint this pagePrint this page
  • A instalación, con capacidade para xestionar 15.000 t/ano de FORSU e outras 7.000 t de material estruturante, producirá ao redor de 6.000 t/ano de compost
  • A planta vilanovesa dará servizo a 26 concellos (326.846 habitantes) e integrará as distintas fases do proceso de compostaxe dos residuos orgánicos

Cerceda, a 5 de decembro de 2022.- As obras correspondentes á futura planta de biorresiduos que Sogama situará en Vilanova de Arousa (Pontevedra), concretamente no polígono industrial de Baión, avanzan a bo ritmo, prevendo que a instalación entre en funcionamento durante o terceiro trimestre do próximo ano.

O presidente executivo desta empresa pública, Javier Domínguez, e o alcalde da localidade, Gonzalo Durán, visitaron a mediados do pasado mes o terreo no que se levantará esta infraestrutura, cuxa obra e posta en marcha foi adxudicada por 15,1 M€.

Con carácter previo aos primeiros traballos de acondicionamento do terreo, que ocupa sete parcelas (sumando estas unha superficie de 20.000 m2), polas que a Sociedade pública efectuou un desembolso de 1,5 M€, resultou necesario tramitar a Autorización Ambiental Integrada (AAI), aparellada a un complexo proceso administrativo, así como a correspondente licenza urbanística municipal e outros permisos para poder acometer unha obra destas características.

A instalación, con capacidade para xestionar 15.000 toneladas anuais de materia orgánica contida nos residuos municipais (FORSU) e outras 7.000 toneladas de material estruturante (podas e restos de madeira), producirá ao redor de 6.000 toneladas/ano de compost, cuxo destino será o sector da agricultura e a xardinería, en substitución dos fertilizantes artificiais.

A planta vilanovesa dará servizo a 26 concellos (326.846 habitantes) e integrará as distintas fases do proceso de compostaxe dos residuos orgánicos recibidos na mesma: desde o pretratamento e a fermentación, ata a maduración e o almacenamento, así como os correspondentes tratamentos de aire e de augas, facendo uso en todo momento das últimas tecnoloxías dispoñibles, tanto de procesado como de control de cheiros e ruído.

Así mesmo, a enerxía necesaria para a operativa industrial procederá de fontes renovables, fundamentalmente de paneis solares, contribuíndo deste xeito á loita contra o cambio climático.

DESPREGAMENTO DE 17 INSTALACIÓNS PARA A VALORIZACIÓN DE FORSU

A fin de axudar aos concellos no cumprimento das súas obrigacións legais en relación á valorización da fracción orgánica contida nos residuos urbanos (FORSU) mediante a súa transformación en compost,  a planta de biorresiduos de Vilanova de Arousa, xunto coa de Cervo (Lugo), a de Verín (Ourense) e a de Cerceda (A Coruña), xa en funcionamento, contarán co apoio de 13 plantas de transferencia (6 de nova construción e 7 de adaptación) que disporán dun punto de transvasamento para a materia orgánica. Serán un total de 17 instalacións, ás que se destinará un investimento superior a 40 millóns de euros, e coas que se dará cobertura á meirande parte dos municipios adheridos a Sogama, propiciando que estes conten cunha planta de biorresiduos ou de transferencia a menos de 50 km de distancia.

Tal e como manifestou Javier Domínguez durante a súa recente visita ao polígono de Baión “A pesar da grave crise de materiais que estamos a sufrir en Europa debido ao actual contexto xeopolítico e o desorbitado prezo das subministracións e servizos, sacaremos adiante esta planta, que marcará un antes e un despois na xestión dos residuos municipais na provincia ao incrementar a achega á reciclaxe por parte dos pontevedreses”, ao que engadiu que “como brazo executor ao servizo da Xunta, poñemos a disposición toda a nosa enxeñería, medios, capital humano e esforzo para que a rede de infraestruturas para a valorización da materia orgánica estea ao dispor dos concellos en prazo e forma”.

A obra da planta de Vilanova conta cun cofinanciamento dos Fondos FEDER como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da Covid-19, tendo en conta que repercute na protección do medio ambiente e, en consecuencia, nunha maior calidade de vida.

Saúdos, Departamento de Comunicación

5 Dec 2022

Galería